Os socialistas tachan de "ditador" a Jácome pola súa decisión sobre as vodas no concello

OurenseXa
Os e as edís do grupo municipal socialista lamentan a decisión do alcalde de negar á cidadanía a posibilidade de elixir a calquera concelleiro ou concelleira da corporación local para oficiar a súa voda no Concello
Jácome
Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense
13 Mar 2024

Os e as edís do grupo municipal socialista lamentan que o alcalde consumase o anuncio realizado a semana pasada en rolda de prensa e furte á cidadanía a posibilidade de elixir a calquera concelleiro ou concelleira da corporación local para oficiar a súa voda no Concello de Ourense.

Así as cousas, sinalan que se trata do mesmo Jácome que mostraba públicamente os seus ciumes porque as parellas de cónxuxes elixiran a outros concelleiros e concelleiras da corporación para as súas vodas. “Agora amosa, unha vez máis, a súa actitude infantil e propia dun pequeno ditador cutre impoñendo por decreto que só poida casar el”, engaden ante os novos cambios.

Os e as socialistas consideran que esta decisión “antidemocrática” a quen prexudica é á cidadanía. Tamén que “é vergoñento” que se estea a chamar dende a Alcaldía ás parellas que xa tiñan a súa data reservada para casar –e que tiñan elixido que edil quería que oficiara a súa voda– para dicirlles que o único que o pode facer é Jácome. 

“Este é un exemplo máis das incongruencias, o infantilismo e cutrerío no que Gonzalo Pérez Jácome ten convertido a institución municipal, agora xa case Democracia Orensana SL, dentro de pouco empresa encargada tamén de vodas, bautizos e comuñons”, conclúen.

 

0.092060089111328