Os traballos na rúa Pena Trevinca estenderanse durante polo menos dous meses

OurenseXa
Os servizos municipais comezaron xa a intentar tapar o gran buraco que quedou ao descuberto tras afundirse o asfalto
pena-trevinca-ourense-fochanca
29 Jan 2026

O Concello de Ourense estima que os traballos na rúa Pena Trevinca durarán polo menos, 60 días. Así o informou o alcalde a través das súas redes sociais, sen dar máis datos ao respecto. Sobre os motivos que levaron a que o asfalto nesta vía, unha das máis utilizadas da cidade, cedera provocando un gran afundimento que puxo en xaque a seguridade dos condutores, todo apunta ás intensas choivas rexistradas nos pasados días.

A incidencia foi localizada na tarde do luns, 26 de xaneiro, cando sobre as 17.00 horas se apreciou un afundimento na calzada. De maneira inmediata, explican dende o goberno municipal, o departamento de infraestruturas iniciou os traballos de sinalización e balizamento da zona afectada para evitar posibles accidentes. Porén, a veciñanza da zona xa viña tempo alertando de grietas na calzada.

O corte desta vía, unha das principais arterias da cidade e cun alto volume de tráfico, está a provocar incidencias nas inmediacións, con atascos especialmente notables na rúa Serra Martiñá, vía alternativa de acceso ao Hospital.

O peche afecta ao tramo situado entre as rúas Serra de Queixa e Monte Seixo, e tamén obrigou a modificar o servizo de autobuses. Así, a liña 6, que conecta a Antiga Estación de Autobuses con As Curuxeiras, o percorrido en sentido a As Curuxeiras realizarase pola rúa Emilia Pardo Bazán, desviándose polas rúas Serra Martiñá, San Mamede e Ramón Puga. No sentido contrario, desde Ramón Puga, o autobús circulará por Serra Martiñá e rúa da Granxa antes de retomar a súa ruta habitual por Emilia Pardo Bazán.

Pola súa banda, a liña 11, que une Santa Mariña con O Viso, cambiará o seu traxecto en sentido a Santa Mariña, circulando pola rúa Pena Trevinca ata chegar a Serra de Queixa, onde se habilitará unha parada provisional no cruce coa rúa Monte Medo, para logo continuar pola rúa da Granxa. No sentido contrario, o percorrido será pola rúa da Granxa, Serra Martiñá, San Mamede, José Cornide, Nosa Señora da Saínza e rúa da Coruña.

Finalmente, a liña 13, que conecta a Universidade Laboral con A Cuña e Palmés, desviará o seu percorrido en sentido a Berrocás e A Cuña desde Emilia Pardo Bazán cara á rúa da Granxa e a rúa dos Berrocás. En sentido Palmés, o servizo transitará por Ramón Puga, San Mamede, Serra Martiñá e rúa da Granxa para volver a Emilia Pardo Bazán.

Durante todo o tempo que duren estas obras, os autobuses das liñas afectadas farán paradas correspondentes a outras liñas dentro destes novos percorridos alternativos para facilitar o acceso aos usuarios. O Concello recomenda precaución e paciencia mentres se realizan as reparacións necesarias para resolver esta incidencia.

⚙ Configurar cookies
0.085256099700928