A veciñanza de Seixalbo pide solucións ante o inminente remate das obras da Variante Exterior

OurenseXa
Piden ao Concello que tome “as medidas oportunas para un correcto control e seguimento destas obras” co fin de que se corrixan ou minimicen os danos e afeccións tanto no patrimonio público e privado
viaducto-ou-105-seixalbo
Viaducto OU-105
20 Dec 2024

De xeito inminente, en cuestión de días, vanse dar por finalizadas as obras da Alta Velocidade ferroviaria na actual fase, no tramo Seixalbo-Seixalbo. Dende a Asociación de Veciños de San Breixo-Seixalbo amosan a súa preocupación ante esta situación, xa que segundo advirten “a experiencia indícanos que, lamentablemente, cando a actual empresa contratista abandone os traballos é posible que queden determinadas incidencias de aparencia menor pero con gran repercusión na vida diaria dos veciños e veciñas que residimos nesta zona”.

Como parte das infraestruturas afectadas por esta obra son de titularidade municipal, dende a asociación piden aos técnicos municipais “que se faga un seguimento exhaustivo destes remates e que non quede unha carga para as arcas do concello de Ourense, e un deterioro dos servizos para a veciñanza”.

Consideran de especial relevancia a reposición de servizos tales como alumeado público, abastecemento de auga e saneamento domiciliario, evacuación de pluviais e pasos de auga circunstanciais ou permanentes como regatos.

Tamén, e especialmente, a mellora e afirmado de camiños públicos e servidumes de paso ás fincas, así como a correcta execucións das entradas aos predios tanto públicos como privados, con dotación das correspondentes ramplas, tubos salva cunetas e aquelas outras que sempre asistiron e que foron afectadas ou modificadas pola actual traza ferroviaria e as súas obras complementarias.

Por último, piden que nos terreos expropiados por ocupación temporal sexan devoltos en perfecto estado de uso cando remate esta ocupación, coa reposición dos marcos divisorios dos distintos predios que compoñían o parcelario preexistente.

Con todo, solicitan que, por parte do concello, “se tomen as medidas oportunas para un correcto control e seguimento destas obras antes que a empresa contratista entregue as obras finalizadas ao promotor e se corrixan ou minimicen os danos e afeccións tanto ao patrimonio público como privado”.

0.17130494117737