Os viños e a gastronomía protagonizan a segunda xornada da campaña ourensá en Fitur

OurenseXa
A campaña presentada en Fitur xira arredor da intención de representar os viñedos e as diferentes formas da natureza local
FITUR-2024-VALDEORRAS
Fitur 2025
24 Jan 2025

O Xeodestino Trevinca-Valdeorras, formado por A Veiga, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras, presentou hoxe no stand de Galicia da Feira Internacional de Turismo, Fitur, a súa proposta turística “Terras que saben”.

A Deputación colabora co Plan de Sostibilidade Turística de Valdeorras, “Ruta Milenaria”, que executa o GDR Valdeorras, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos Fondos Next Generation, e o Inorde é o ente xestor do Xeodestino que abrangue este mesmo territorio, “polo que se trata dun exemplo de cooperación entre todas as administracións para traballar no desenvolvemento turístico dunha enocomarca que alberga hoxe unha das variedades de uva máis apreciadas no mundo: o Godello, que sen dúbida será o protagonista desta Ruta Milenaria”, explicou na presentación Rosendo Fernández. Sinalou tamén que a proposta que presenta Valdeorras ten “un lema moi axeitado: ‘Terras que Saben’, pola dobre referencia a sabor e saber que unen o valor enogastronómico e histórico do destino”.

Precisamente, a campaña presentada en Fitur xira arredor da intención de representar os viñedos e as formas suaves e redondeadas da natureza local (montañas, ríos, vales...). Así mesmo, renovouse por completo a páxina web de acordo cos atributos da nova marca, optando polo dominio .travel, que favorece o posicionamento nos buscadores no ámbito do turismo e das viaxes: a partir de agora, todos os datos turísticos desta campaña estarán dispoñibles en www.valdeorras.travel, dotada de contidos de calidade profesional e que tamén inclúe un mapa interactivo con descrición e xeorreferenciación de cada un dos recursos e servizos turísticos do territorio dos nove concellos de Valdeorras.

Ademais, tamén se deu a coñecer o programa de experiencias ecosostibles que está a levar a cabo o Inorde con 13 emprendedores locais deste territorio.

A VÍA DA PRATA, EIXO DA CAMPAÑA PROMOCIONAL DE OURENSE

A Deputación de Ourense aposta pola gran experiencia da Vía da Prata para presentar a provincia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid. O presidente provincial, Luis Menor, destacou os valores paisaxísticos, patrimoniais, culturais e etnográficos do itinerario xacobeo máis extenso de Galicia, protagonista da campaña promocional da Deputación titulada: “Vía da Prata; provincia de Ourense (OU yeah!)”, a través dun vídeo no que se entrelazan cinco historias de diversas xeracións e procedencias, todas elas marcadas polas vivencias e a emoción do Camiño ao seu paso por Ourense.

Os 200 quilómetros e os 28 concellos ourensáns polos que transcorre o tamén chamado Camiño Mozárabe son a carta de presentación da Deputación de Ourense e da provincia ante operadores e público de diversos países. “Queremos converter a Vía da Prata na alternativa do viaxeiro”, sinalou Luis Menor, que destacou a “singularidade” da Vía da Prata ao establecer un “vínculo profundo e único” entre o Camiño de Santiago e a Alta Velocidade, grazas á conexión da capital, Madrid, con Ourense, a través do AVE.

0.17372989654541