Ourense, a única das grandes cidades galegas sen programación específica polas Letras Galegas
Dende o grupo municipal socialista lamentan que o Concello de Ourense sexa o único das gandes urbes galegas que non conte cunha programación específica para celebrar o 17 de maio, Día das Letras Galegas. “As únicas actividades que se levaron a cabo foron a homenaxe que o alumnado de distintos centros da cidade realizou na Praza Maior onte, e cuxa preparación correu a cargo dos e das estudantes e dos seus mestres e mestras, e o Correlingua que se coorganiza xunto A Mesa pola Normalización Linguística, a AS-PG, a CIG e a Deputación”, explica a edil do PSdeG Cristina Cruz.
A desafección do executivo de Jácome pola lingua e cultura galegas non colle por sorpresa aos e ás socialistas posto que xa preguntaron na sesión plenaria de abril se se estaba a organizar algo para conmemorar á escritora á que este año se lle dedica a xornada, Luísa Villalta. A resposta do rexedor foi que “non se ía facer porque o que é un acto festivo dese tipo, masivo, coincide coas festas de O Couto” e a Administración local é a principal colaboradora.
“Todos os gobernos das grandes cidades galegas quixeron festexar o día das nosas letras e organizaron unha programación variada que conta con feiras do libro, actuacións musicais, contacontos, exposicións, espectáculos teatrais, rueiros guiados, obradoiros de escritura, xogos e xantares populares ou mesmo sesión de micro aberto nos que participarán diversas autoras e autores”, enumerou a edil sobre a variada oferta que se extende por todo o territorio galego.
Neste senso, lembran que como representante público de toda a cidadanía, debería ter, alomenos, a mesma vontade política para colaborar na organización das festas dos barrios que na organización da festa de todos e todas as galegas. “Consideramos imprescindible fomentar o coñecemento e uso da lingua galega dende as institucións para contribuír a deter o seu preocupante deterioro. E na nosa cidade nin sequera se vai facer o Día das Letras Galegas”, rematou a edil do PSdeG.