Ourense acolle a reunión do proxecto transfronteirizo Digital Expo

GaliciaXa | OurenseXa
Impulsado por un total de seis entidades, a iniciativa busca potenciar a transformación dixital dos recintos feirais e centros expositivos da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal
reunion-digital-expo-ourense
10 Mar 2026

O proxecto Digital Expo, impulsado de forma conxunta pola Xunta de Galicia, Expourense, a Universidade de Vigo e as cámaras municipais de Viana do Castelo, Ponte de Lima e Arcos de Valdevez, arranca co obxectivo de fomentar a transformación dixital dos recintos feirais e centros expositivos da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.

A primeira reunión técnica do consorcio celebrouse este martes en Expourense e serviu para iniciar a coordinación operativa da iniciativa, aprobada na sexta convocatoria do programa de cooperación europea Interreg POCTEP (España–Portugal). Durante a xornada abordouse a planificación inicial das actuacións e o calendario de traballo para os próximos meses.

O proxecto conta cun orzamento superior ao millón de euros e desenvolverase ata o 31 de decembro de 2027. O seu obxectivo é reforzar a competitividade do sector feiral mediante a incorporación de tecnoloxías avanzadas que permitan mellorar tanto a xestión dos eventos como a experiencia de expositores e visitantes.

Entre as accións previstas inclúese a creación dunha rede transfronteiriza para analizar o potencial de dixitalización dos recintos feirais, a posta en marcha dun hub demostrativo de innovación e o desenvolvemento de proxectos piloto baseados en ferramentas tecnolóxicas como a intelixencia artificial, os xemelgos dixitais ou a realidade virtual e aumentada. Ademais, promoveranse iniciativas de formación, transferencia de coñecemento e promoción dixital dirixidas ao tecido empresarial.

A iniciativa permitirá reforzar o papel dos espazos feirais como puntos de encontro para a innovación e a actividade económica, especialmente para as pequenas e medianas empresas, ao mesmo tempo que contribúe a avanzar nos obxectivos marcados no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.

0.12134909629822