Ourense acolle esta fin de semana o Campionato de España de Ximnasia Estética de grupos

OurenseXa
A elite deste deporte darase cita no Pavillón dos Remedios cunha forte presenza das ximnastas do Club Ximnasia Pavillón
presntacion-campionato-de-españa-ximnasia-estetica
Presentación do Campionato de España de Ximnasia Estética 2025
10 Jul 2025

Máis de 500 deportistas participarán no Campionato de España de ximnasia estética de grupos, que se desenvolverá desde mañá venres, 11, até o domingo, 13 de xullo, no Pavillón Municipal dos Remedios. O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación desta competición deportiva, organizada pola Real Federación Española de Ximnasia coa colaboración do Concello de Ourense, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia, entre outras entidades e empresas. No acto participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira; o xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez; e a presidenta do Club Ximnasia Pavillón, Carmen Blanco.

O torneo, na súa segunda edición, reunirá equipos procedentes de 11 comunidades autónomas e de todas as categorías, desde infantil ata sénior. Entre eles, 3 equipos representantes do Club Ximnasia Pavillón: o júnior mixto, que quedou primeiro na primeira edición do nacional que se celebrou en Granada, un alevín e un sénior, segundo detallou a presidenta do equipo ourensán. O certame reunirá a elite do deporte en toda España, explicou o presidente da federación galega, incluíndo ximnastas —dúas delas galegas— que participaron a semana pasada no campionato do mundo desta especialidade. Ambos animaron o público a acudir ao Pavillón dos Remedios e desfrutar deste espectáculo deportivo.

Pola súa parte, o tenente de alcalde Aníbal Pereira asegurou que “é unha bendición que este tipo de eventos veñan a Ourense. Esa é a dinámica das tres institucións: Concello, Deputación e Xunta. Cremos que o turismo deportivo nunha cidade como a nosa estase convertendo nun elemento fundamental. Esta é a aposta, e máis nun deporte tan consolidado en Ourense como é a ximnasia. Desexámoslles moita sorte aos nosos e ás nosas ximnastas, e a quen veñan, que desfruten da súa estadía na cidade, que os imos tratar francamente ben”.

O xefe do Servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez, celebrou “a boa saúde que teñen os eventos deportivos en Ourense. Turismo e deporte é un binomio que sempre funciona”, afirmou. Tamén destacou “a boa saúde da ximnasia, un dos deportes top da cidade e da provincia. Estamos todos de noraboa. Será outra fin de semana na que Ourense vai estar completo cun evento que será un gran espectáculo e un éxito”.

A ximnasia estética é unha disciplina deportiva baseada no movemento estilizado e natural do corpo, que combina e realza cualidades como o dinamismo, o ritmo e a harmonía dos movementos realizados cun uso económico e eficaz da forza. A ximnasia estética é expresión, arte e sentimento convertido en deporte de competición, realizado por un grupo de deportistas do que flúe un movemento estético e sincronizado.

Durante a xornada de mañá, venres, realizarase a entrega de credenciais aos equipos e os adestramentos oficiais. O sábado serán as preliminares, en xornada de mañá e tarde, e o domingo pola mañá as finais.

⚙ Configurar cookies
0.16982698440552