Ourense acolle unha xornada para loitar contra os estigmas asociados ao VIH
Coincidindo coa conmemoración este mes do Día Mundial da Saúde, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense celebrou este mércores a xornada Máis de 40 anos: pasado, presente e futuro do VIH. Comunidades diversas para acabar co estigma social. A cita reuniu a representantes de entidades sociais que traballan neste eido e alumnado universitario para avanzar, a través da información e a formación, na loita contra os prexuízos sociais cara as persoas diagnosticadas con esta enfermidade.
A actividade, coordinada por Mónica López e Francisco Aguiar, contou cun faladoiro no que participaron membros do Comité Anti-Sida Ourense, da Casa Ourense de Apoio Positivo e da Cooperativa Xeracción. Na súa inauguración, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, salientou a importancia de que o alumnado dos graos de Traballo Social e de Educación Social asistente, chamados a ser axentes de cambio social, coñezan a realidade das persoas con VIH e os retos que afrontan na sociedade.
Intersección de discriminacións
Na súa intervención Agustín González, coordinador do Comité Anti-Sida Ourense, falou, “desde a realidade que nós coñecemos”, da evolución vivida polo colectivo que eles atenden, maiormente drogodependentes, desde que se creou este comité en 1990 e a casa de acollida en 1991. Ao longo destas décadas, indicou, mudou o xeito de entender a discriminación cara as persoas con VIH, apuntando como agora “é máis larvada”. Pola súa banda, Pablo Barrio, coordinador de Casa Ourense de Apoio Positivo, falou tamén desta evolución facendo fincapé en como para acabar cos estigmas é preciso, en liña coas estratexias mundiais neste eido, apostar polos cribados, por facerse probas; pola prevención e por que todas as persoas diagnosticadas teñan acceso ao tratamento preciso e non sexan detectables.
Por último, Antía Pousa, traballadora social da Cooperativa Xeracción, abordou esta temática en relación co colectivo que centra o traballo da súa entidade, as mulleres e crianzas vítimas de violencia de xénero. Na súa intervención falou da intersección que hai nestes casos de distintas discriminacións, derivadas de ser muller, a de ser vítima de violencia de xénero e a de ter VIH. Igualmente falou da alternativa terapéutica dos grupos de axuda mutua, do traballo social e comunitario para facilitar os procesos de empoderamento, liberación e curación.
Ademais deste faladoiro, os días 10 e 11 de abril haberá unha unidade móbil, no aparcadoiro do Edificio de Ferro, de información, asesoramento en saúde sexual e cribado de VIH e Hepatite C, confidencial e gratuíto para as persoas interesadas.