Ourense acollerá o primeiro Laboratorio de Innovación sobre Residuos

OurenseXa
Os días 1 e 2 de abril, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, desenvolverase esta iniciativa coa participación de representantes dos concellos, dos sectores social, económico, educativo e de asociacións dos máis diversos ámbitos
Reunion preparatoria Laboratorio de Innovación (2)
Reunión preparatoria do Laboratorio de Innovación
15 Mar 2024

A Deputación de Ourense ultima os preparativos para o primeiro Laboratorio de Innovación sobre Residuos, que se celebrará os días 1 e 2 de abril no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Unha iniciativa na que representantes dos sectores social, económico, educativo, de entidades locais, asociacións profesionais e colectivos dos máis diversos ámbitos terán a oportunidade de achegar solucións creativas e innovadoras á xestión dos residuos.

Desde 2022, a lei de residuos obriga aos concellos a buscar fórmulas para xestionar separadamente a materia orgánica, poñendo en marcha medidas tales como a concienciación e sensibilización ambiental ou o chamado “pago por xeración”, é dicir, a aplicación dunha taxa en función da cantidade de residuos que se producen, do mesmo xeito que se aplican as taxas polo consumo de auga.

Precisamente co obxectivo de desenvolver novos modelos de xestión adaptados ao territorio ourensán, a Deputación organiza por primeira vez este laboratorio de innovación, concibido como un encontro onde os participantes se reúnen en mesas de traballo, distribuídos segundo os seus perfís profesionais, para achegar as súas ideas sobre como afrontar o reto da xestión dos residuos.

A busca de solucións á xestión dos residuos orgánicos nas zonas rurais e un obxectivo estratéxico, pois nun territorio co elevado índice de dispersión de poboación que ten Ourense, xéranse uns grandes custos económicos para a súa recollida. Cabe apuntar ademais que un recente estudo realizado pola área de Medio Ambiente da Deputación detectou un cambio de hábitos no rural, que se reflicte nunha redución da compostaxe e o consecuente incremento da chamada “bolsa negra”.

Máis aló da visión dos técnicos, o laboratorio permitirá recoller un amplo abano de propostas para o tratamento da materia orgánica que se deposita no contedor marrón, pero tamén o encontro estenderá o seu ámbito a todas as fraccións de residuos que se depositan nos contedores gris (resto), amarelo (envases lixeiros), verde (vidro) e azul (cartón e papel).

Coa previsión de ao redor dun centenar de participantes distribuídos nunha decena de mesas, coordinadas á súa vez por dinamizadores, levarán a cabo sesións de grupo das que sairán unha serie de propostas que se plasmarán nun gran mural. As propostas tamén formarán parte dun documento que servirá de guía para as políticas de goberno da institución provincial en materia de xestión de residuos.

Este primeiro Laboratorio de Innovación xa tivo o seu prólogo o pasado mes de febreiro, cando un grupo de técnicos da Deputación mantivo unha xuntanza para ensaiar este sistema de traballo en conxunto e co fin de propoñer ideas sobre un novo modelo de xestión dos residuos e implicar á poboación.

 

0.19242310523987