Ourense será a sede do XVII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións

Ourense será a sede do XVII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, que se celebrará do 23 ao 25 de outubro na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. O evento está organizado polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo xunto coa Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (Sgapeio) e busca difundir os avances na teoría, nas aplicacións e na docencia destas disciplinas matemáticas.
O congreso contará cun Comité Organizador formado por profesionais da Universidade de Vigo, encabezados por Ana Pérez e Tomás R. Cotos como presidentes e Manuel A. Mosquera como secretario. Tamén participan o Instituto Galego de Estatística e o IES As Barxas de Moaña. A cita coincide coa celebración do Día Mundial da Estatística, o 20 de outubro.
Durante tres días, o congreso ofrecerá conferencias plenarias, mesas redondas, obradoiros e comunicacións científicas sobre temáticas diversas, desde a estatística oficial ata a teoría de xogos ou a estatística nas probas de acceso á universidade (PAU). Entre os obradoiros previstos destacan os centrados en software como Pyomo e no tratamento de datos computacionais. As conferencias plenarias correrán a cargo de expertos como Juan Carlos Escanciano (Universidad Carlos III de Madrid), Wenceslao González (USC), Josep Freixas (UPC), Javier Palarea (UdG) e Anabel Forte (UV).
A iniciativa está patrocinada por varias entidades académicas e de investigación, entre elas o SiDOR Research Group, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Campus Auga da Universidade de Vigo, o CITMAga e as universidades da Coruña e Santiago de Compostela, así como a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Segundo os organizadores, este congreso forma parte da programación continuada da Sgapeio, que promove a investigación e a difusión da estatística e da investigación de operacións, fomentando a colaboración entre universidades galegas e os sectores público e privado e contribuíndo á aplicación da ciencia á sociedade.