Ourense acollerá un programa piloto para transformar locais en desuso en vivendas protexida

A Xunta de Galicia porá en marcha un programa piloto na cidade de Ourense para a adquisición de locais comerciais en desuso que serán transformados en vivendas protexidas.
Así o destacou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, durante unha visita ás obras de Cambedo da Raia, onde explicou que o obxectivo é aproveitar espazos baleiros, sempre que cumpran as condicións técnicas e xurídicas necesarias, para facilitar o acceso a un fogar. A convocatoria establecerá un prezo máximo por metro cadrado e avaliarase cada proposta de forma individual. Ademais, será necesaria a autorización da comunidade de propietarios para o cambio de uso de local a vivenda.
O investimento previsto para esta medida será de 5 millóns de euros, dos cales 2 millóns se destinarán ao ano 2026.
Durante a súa visita ás obras de Cambedo da Raia, onde se constrúen 64 novas vivendas de promoción pública repartidas en catro bloques, Allegue sinalou que os traballos avanzan a bo ritmo e que os edificios estarán rematados a finais de 2026.
A Xunta tamén ten previstas máis de 1.700 novas vivendas noutras zonas da cidade, entre elas máis de 1.600 no sector Escorial-21 e 12 en San Cibrao das Viñas. Neste contexto, destacou que os Orzamentos de 2026 para Ourense contemplan 25,5 millóns de euros, dos que 17,7 millóns de euros se destinarán, entre outras actuacións, á construción de máis vivenda pública e á creación de novo solo.
Ademais, a Xunta continúa co programa Rexurbe, centrado na rehabilitación de vivendas no centro histórico da cidade, cunha dotación de 2 millóns de euros que permitirá recuperar seis vivendas nas rúas Manuel Sueiro e Pelaio.