Ourense acolleu a presentación dun proxecto europeo sobre rehabilitación de edificios mediante robótica avanzada

Representantes de 14 entidades públicas e privadas de oito países reuníronse esta semana en Ourense na asemblea xeral de lanzamento do proxecto europeo Radiance, liderado pola Universidade de Vigo e cun orzamento de catro millóns de euros. A iniciativa busca transformar a construción e a rehabilitación de edificios mediante robótica avanzada, automatización e dixitalización, e supón “un fito” para a Universidade de Vigo, destacan desde a organización.
O consorcio de Radiance (Robotic, Automated and Digital Solutions for Improving Building Renovation and New Construction Efficiency) integra entidades de Alemaña, España, Finlandia, Francia, Noruega, Polonia, Portugal e Suíza. Entre os participantes están as universidades de Vigo, Minho, Gustave Eiffel e ETH Zürich; centros de investigación e tecnoloxía como Tecnalia, VTT, Sintef, Łukasiewicz-PIT e Fraunhofer; así como empresas do sector como Misturas, Skanska e as pemes Contactica, Probot e IMC. O proxecto, financiado ao 100% polo programa Horizonte Europa con 3.999.189,25 euros, iniciou en setembro do pasado ano e prolongarase ata agosto de 2029.
O proxecto está coordinado desde o Aerospace and Transportation Systems Laboratory (Aerolab) da Universidade de Vigo, dependente do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O coordinador é o profesor da UVigo Higinio González, quen asegura que a iniciativa sitúa á universidade “na primeira división europea de robótica”.
Durante a asemblea, que se celebra martes e mércores no Laias Caldaria Hotel Balneario, participan unhas trinta persoas. O encontro serve para revisar o estado de execución do proxecto e planificar os pasos seguintes. González explica que “ata este momento traballamos na definición das especificacións e a interoperabilidade dos diferentes sistemas robotizados e software que se desenvolverán no proxecto, en concreto plataformas aéreas para o mantemento de fachadas, robots cuadrúpedos para a loxística en obras e sistemas de xestión de datos baseado en standard BIM (Building Information Model)”.
Segundo os responsables de Radiance, o obxectivo é “transformar a construción e a rehabilitación mediante a integración de robótica avanzada, automatización e dixitalización, establecendo un novo estándar de fluxos de traballo que melloren a seguridade, eficiencia e sostibilidade, á vez que reduzan custos, erros, tempos e impactos ambientais en toda Europa”.
Entre os resultados previstos destacan novas solucións robóticas para a renovación de fachadas, como a automatización da inspección e diagnóstico (incluída a avaliación enerxética); plataformas de drons capaces de realizar reparacións e colocar paneis illantes; sondas NDE multipropósito para avaliar estruturas de formigón; robots cableados para reparar gretas; e drons para limpeza e aplicación de morteiro e pintura.
Ademais, o proxecto inclúe un dispositivo de realidade aumentada para mellorar a seguridade do traballador, un robot cuadrúpedo autónomo para tarefas de monitorización e asistencia baixo demanda, e sistemas cooperativos intelixentes para mellorar planificación e loxística en obra. As solucións serán validadas en tres escenarios principais: renovación de edificios, interacción humano-robot e optimización da construción, probándose en contornas reais en Noruega, Polonia e España con distintas tipoloxías de edificios e materiais.
O equipo de Aerolab lembra que a industria da construción está en transformación cara prácticas máis sostibles ante crecente preocupación ambiental e regulacións máis estritas. Segundo indican, en 2020 arredor do 75% do parque edificatorio europeo era enerxeticamente ineficiente. “O sector está baixo presión para mellorar a súa sostibilidade económica, social e ambiental”, apuntan, e subliñan que a robótica e as solucións automatizadas “desempeñan un papel crave para cubrir estas necesidades, ademais de resolver ineficiencias e a baixa produtividade”.