Ourense amplía a súa rede de Puntos Violeta contra a violencia de xénero

OurenseXa
A rede de Puntos Violeta na provincia alcanza dez organismos adheridos tras a incorporación de MUFACE
novo-punto-violeta-muface-ourense
19 Feb 2026

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presentou esta mañá o novo Punto Violeta da cidade, situado nas instalacións de MUFACE, onde destacou o papel deste instrumento promovido polo Ministerio de Igualdade como “ferramenta fundamental para a sensibilización e o apoio ás vítimas”.

No acto, Santos agradeceu á directora provincial de MUFACE, Laura Velázquez, a súa implicación para converter a sede deste organismo público en “un lugar seguro para as mulleres”. Tamén estivo presente Alida Iglesias, xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, quen proporcionou ao persoal de MUFACE a formación necesaria para informar e atender ás vítimas.

O subdelegado salientou “a importante ampliación” da rede de Puntos Violeta na provincia, que chega así a dez organismos adheridos. Ademais de MUFACE, contan con este recurso o Servizo Estatal de Emprego (SEPE), o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), a Axencia Tributaria (AEAT), o Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar, a Comandancia da Garda Civil, os Paradores de Santo Estevo e Verín, a sede de UGT Ourense e a Subdelegación do Goberno en Ourense.

Santos subliñou a necesidade de seguir apostando por máis recursos para visibilizar e previr as violencias machistas, “que lamentablemente seguen a ser un grave problema á orde do día”. Por iso, urxiu a “facer todo o esforzo desde as institucións, administracións e o conxunto da sociedade para erradicar a violencia de xénero”.

O Punto Violeta é un instrumento do Ministerio de Igualdade que busca implicar á sociedade na loita contra a violencia machista e facilitar información sobre como actuar ante estes casos. Forma parte do catálogo de medidas urxentes do Plan de Mellora e Modernización impulsado por distintos ministerios do Goberno de España, supoñendo un cambio de enfoque nas políticas públicas de atención ás vítimas e situando a violencia machista como un problema estrutural que require a implicación de toda a sociedade.

A Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense impartiu a formación necesaria para poñer en marcha o Punto Violeta en MUFACE. Ademais, repartíronse materiais de apoio como a Guía Punto Violeta para actuar fronte á Violencia Machista; distintivos para identificar ao persoal implicado; folletos informativos, carteis e adhesivos cun código QR vinculado á Guía, co obxectivo de sinalar que ese espazo é un lugar seguro para as vítimas.

⚙ Configurar cookies
0.081923007965088