Ourense avanza cara á creación dun novo Parque Infantil de Tráfico

OurenseXa
Os socialistas lembran que esta iniciativa foi impulsada polo seu grupo e aprobada polo pleno municipal hai case dous anos
arquivo-psoe-parque-infantil-trafico
15 Oct 2025

O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense amosou a súa satisfacción tras confirmarse que o Goberno local está a traballar na posta en marcha dun novo Parque Infantil de Tráfico (PIT) na cidade. Segundo avanzaron fontes do propio executivo, o proxecto desenvolverase no Parque da Barbaña e podería ver a luz en 2026.

Os socialistas lembran que esta iniciativa foi impulsada polo seu grupo e aprobada polo pleno municipal hai case dous anos. “A educación viaria é parte da formación integral das persoas. Comprácenos que o goberno municipal atendera a nosa solicitude, a cal foi aprobada pola Corporación hai case dous anos”, sinalou a voceira do PSdeG, Natalia González.

O PSdeG considera que recuperar un espazo de educación viaria é unha medida necesaria, especialmente ante as cifras de sinistralidade que se seguen a rexistrar. “A educación viaria forma parte da educación integral das persoas, sendo esta unha base eficaz para a acción cidadá, orientada a desenvolver hábitos e actitudes que lles permitan dar unha resposta segura nas diferentes situacións de tráfico”, engadiu González.

Ademais, os concelleiros socialistas aproveitaron a reunión das Xuntas de Área para pedir ao Goberno municipal que resolva as deficiencias detectadas na Fonte do Tinteiro, tras as obras executadas polo actual equipo de goberno. Denuncian que as concellarías implicadas, Termalismo e Urbanismo, “pásanse a pelota” sen asumir responsabilidades.

“En Urbanismo alegan que non teñen constancia de ningún informe de deficiencias por parte de Termalismo e en Termalismo a alcaldesa non responde da súa responsabilidade respecto á ausencia do dito informe para que se poidan acometer as remodelacións necesarias”, explicou a voceira socialista.

Por outra banda, os edís do PSdeG reiteraron a súa petición de que o Concello inste á Xunta de Galicia a ampliar as prazas do programa Xantar na Casa, destinado a persoas maiores e dependentes. Lembraron que esta iniciativa foi aprobada no pleno de setembro. “Son persoas que precisan o apoio da Administración para manter a súa independencia e garantir unha alimentación axeitada ás súas necesidades”, subliñou González.

Finalmente, o grupo socialista reclamou ao executivo local que poña en marcha unha campaña informativa sobre a nova ordenanza de vixilancia fiscal, así como outra para promover o uso da oficina virtual de Facenda, incluíndo unha guía que facilite a súa utilización por parte da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.083418130874634