Ourense celebra o Sábado de Entroido con música e festa durante toda a xornada

Ourense celebra o Sábado de Entroido con unha intensa xornada de actividades musicais e festivas que se prolongarán desde a mañá ata ben entrada a madrugada. Miles de persoas encherán o centro da capital, onde se esperan grandes aglomeracións de xente, polo que distintos puntos como a rúa do Progreso ou a Praza Maior terán restricións de aforo.
Desde as 12:00 horas e ata as 3:00 da mañá, diferentes charangas percorrerán o Casco Vello, comezando coa sesión vermú e mantendo a animación durante toda a xornada. Ás 17:00 horas terá lugar unha sesión infantil na Praza Maior, que combinará maquillaxe e un concerto con Oviravai. Ás 19:00 horas actuará o Trío Somoza na Praza de Santa Eufemia, e ás 21:00 horas o grupo Los Coleguitas encherá de música a Praza Maior.
Xa á noite, ás 23:59 horas, a Orquestra Função Pública actuará na Alameda, mentres que na Praza Maior comezará unha sesión de DJ a Gramola con Alexis Villi e Eric García. Á mesma hora, na Praza de Santa Eufemia haberá sesión de DJ, e ás 00:30 horas continuará a música na Praza Correxidor.
Os festexos provocarán cortes de tráfico na rúa do Progreso a partir das 15:00 horas, no tramo da Alameda comprendido entre a baixada á Praza de Abastos e a rúa Concordia, permitindo o paso por Parada Justel ata as 22:00 horas. Este corte manterase de forma continuada nos días seguintes ata a retirada da carpa instalada na Alameda, prevista para a madrugada do martes ao mércores. Ademais, durante toda a xornada continuarán as limitacións de circulación no centro histórico polas actuacións e a animación musical.
PROGRAMA COMPLETO DO ENTROIDO DE OURENSE