Ourense contará con 23 estacións de alugueiro de bicis eléctricas

OurenseXa
Haberá 330 unidades dispoñibles para a cidadanía repartidas por toda a cidade que entrarán en funcionamento a comezos de 2026
Bicicletas eléctricas
16 Dec 2025

Ourense contará con estacións de alugueiro de bicicletas eléctricas en 23 zonas da cidade coa finalidade de fomentar o uso deste modo de transporte sustentable. O Concello iniciará estes días os traballos de instalación das estacións, co obxectivo de que o servizo poida entrar en funcionamento a comezos do ano próximo.

Ditas estacións, que estarán dotadas con servizo de recarga eléctrica estarán situadas en Oira, Rúa do Vinteún, Praza da Mariña, Vicente Risco, estación intermodal, A Chavasqueira, Vistafermosa, Pavillón dos Remedios, As Lagoas, Universidade - campus de Ciencias, Universidade - campus de Humanidades, Parque de San Lázaro, O Couto, Auditorio, Pena Trevinca, Bispo Cesáreo, Xardín do Posío, Complexo Hospitalario, Barrocás, A Carballeira, A Farixa, Universidade Laboral e Pazo Paco Paz - Expourense. Ademais, en 12 destes emprazamentos haberá tamén unha estación de apoio sen recarga.

O sistema contará en total con 330 bicicletas, 35 estacións (combinando puntos con e sen recarga), e 500 ancoraxes, das que 350 serán de recarga.

O contrato foi adxudicado á empresa alemá Nextbike GmbH por un importe total de 1.258.400 euros, e está financiado parcialmente a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos procedentes da Unión Europea – Next Generation EU, mediante unha subvención de 279.286 euros concedida polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable no marco do proxecto Move Ourense II.

⚙ Configurar cookies
0.083437919616699