Ourense contará co primeiro programa termal en España para persoas con Deterioro Cognitivo Leve

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou o termalismo como “produto imbatible” para a provincia e para o conxunto de vilas termais, durante a xornada territorial de formación e sensibilización do proxecto de Experiencias de Turismo da FEMP. No encontro, no que participaron representantes da rede de vilas termais e axentes do sector turístico, analizouse o Plan de Turismo Termal da FEMP, a Plataforma Formativa e o Sistema de Intelixencia Turística.
Luis Menor destacou entre os resultados esperados co plan termal da FEMP a sostibilidade, a lexitimación, a formación e a saúde económica nos territorios. “Se somos capaces de traballar coordinados e compartindo experiencias, temos un gran produto, o termalismo”, sinalou o presidente provincial.
Pola súa parte, Luis Menor fixo referencia ás posibilidades de desestacionalización do turismo que ofrece o plan termal da FEMP, así como ás oportunidades de explorar outro tipo de ofertas complementarias ao termalismo.
O obxectivo desta estratexia turística, dixo o presidente, é “convertir as nosas vilas termais en referentes globais de benestar, dixitalización, innovación e sostibilidade”.
Neste sentido, os eixos do proxecto da FEMP son promover o desenvolvemento de experiencias turísticas máis sostibles que contribúan ao impulso da economía local, a promoción da igualdade, a cohesión territorial, o aproveitamento e a posta en valor de recursos termais e, no caso das zonas rurais, o afianzamento da poboación.
O presidente da Deputación fixo balance do primeiro programa de “Respiro Termal” para maiores afectados pola DANA, tras recibir a semana pasada a 50 veciños de Massanassa, un dos municipios máis afectados polo desastre. Estes usuarios gozaron de uns días de descanso no balneario de Arnoia, a través dunha iniciativa de mellora da saúde emocional, 100% subvencionada pola institución ourensá.
Neste sentido, Menor destacou a “satisfacción” de ver que a administración pública “foi útil para os que agora máis o precisan”. Así, o presidente provincial anunciou hoxe que o camiño a seguir desde a Deputación en materia social irá nesta liña, informando os asistentes do impulso ao primeiro programa de termalismo en España para persoas con Deterioro Cognitivo Leve, que asistiran a centros termais para traballar o seu corpo e cerebro.
Luis Menor tamén aproveitou as xornadas para facer balance das oportunidades da Alta Velocidade para Ourense, sinalando o AVE como “elemento de competitividade” para o termalismo. RENFE debe facer do tren, e agora tamén do AVE, un elemento de competitividade para o sector termal ourensán.
Ademais, lembrou a recentemente inaugurada Oficina Termal AVE, a primeira de España con estas características nunha estación de tren, exclusivamente dedicada á promoción do termalismo. A Deputación aspira a que por este espazo, á entrada da estación, pasen máis de 100.000 viaxeiros.