Ourense contará cunha nova línea de autobuses urbanos a partir do luns
O Concello de Ourense inaugurará o día 1 de abril a nova liña de autobús número 6, que dotará de servizo o Pavillón de Deportes dos Remedios, por primeira vez nos seus 54 anos de historia. A nova ruta mellorará tamén a atención do barrio do Couto e do edificio de xulgados, recentemente construído preto do pavillón. Esta medida anticípase á próxima remodelación de liñas do servizo de municipal de autobuses e á súa gratuidade, que o goberno municipal prevé para o mes de outubro.
O Concello traballaba nesta mellora desde o ano pasado, estudando diferentes alternativas. A inicial, cuxa implantación estaba prevista para marzo de 2023, consistía en variar a ruta da liña 6A, aínda que esta posibilidade se desbotou porque non garantía as frecuencias desexables. A fórmula finalmente elixida será a de fusionar dúas liñas actuais: a 6A e a 6B. Deste xeito, haberá 3 autobuses simultáneos na liña, cunha frecuencia de vehículos cada 30 minutos exactos en días laborables. O itinerario atravesará a cidade de Norte a Sur, con inicio e final de treito na antiga estación de autobuses e na Residencia, pasando pola zona oeste da cidade (barrio do Couto e Pavillón dos Remedios)
O goberno municipal explica que esta modificación non incrementará o gasto do servizo: “trátase de ser eficientes en deseños”, explican, xa que non aumentará nin o número de vehículos nin o de choferes, e os autobuses consumirán menos combustible xa que percorrerán menos quilómetros ao longo do día, en comparación cos que realizan actualmente as liñas 6A e 6B.