Ourense contará cunha nova media maratón

O Concello de Ourense ampliará a súa programación de carreiras populares cunha nova media maratón que, segundo avanza o Goberno municipal, terá un percorrido de aproximadamente 21 quilómetros e desenvolverase, previsiblemente, polo contorno do río Miño.
Así o anunciou esta mañá o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, quen explicou que esta proba dará resposta á demanda dos e das deportistas da cidade, cunha extensión superior á de propostas como o circuito Corriendo por Ourense (entre 5,6 e 7,2 km) ou á emblemática Carreira de San Martiño (10 km).
“Temos a carreira máis importante, prestixiosa, numerosa e antiga de Galicia, que é a San Martiño, ou o circuito Corriendo por Ourense, ao que incorporaremos proximamente novidades, pero sumaremos unha media maratón, que realmente é unha demanda dos e das deportistas”, sinalou o rexedor.
O Goberno municipal apostará por un trazado sobre asfalto para permitir a súa homologación oficial. Segundo avanza o Concello, estudarase como posible itinerario o contorno do río Miño, concretamente as estradas de Alongos e Os Peares. “É unha zona dunha beleza tremenda pola súa frondosidade; é como correr nun túnel de árbores ao carón do río”, destacou Pérez Jácome. Ao transcorrese por outros concellos, o Concello iniciará as negociacións necesarias coas administracións limítrofes para coordinar o paso da proba.
En canto ao calendario, a organización valora a primavera, co obxectivo de non interferir nin achegarse excesivamente á data da San Martiño. Con esta nova media maratón, Ourense reforzará a súa oferta de atletismo, consolidando a súa posición como referente en Galicia das carreiras populares, neste caso cunha ruta que supón exactamente a metade do percorrido dunha maratón completa.