Ourense contará cunha rede de coidadores de barrio para combater a soidade dos maiores
O grupo municipal socialista do Concello vén de lograr a aprobación da súa moción para a elaboración e posta en marcha dunha rede de coidadores e coidadoras de barrio que axude a paliar os efectos da soidade non desexada. “Ourense é coñecida polas súas altas cifras en canto a esperanza de vida das persoas maiores. Pero detrás desas cifras tamén se esconde unha triste realidade en moitos casos”, comezou argumentando a portavoz do PSdeG, Natalia González.
Sinalou na súa intervención datos como os do Observatorio Estatal da Soidade Non Desexada, nos que se reflicten que 1 de cada 5 persoas padecen este fenómeno no noso país e que entre as maiores de 65 anos a prevalencia aumenta nas cidades. É certo que o feito de que o 25% da poboación ourensá teña 65 anos explica moi ben a nosa idiosincrasia, pero tamén nos describe que permitamos medrar o problema da soidade non desexada mirando cara outro lado”, expuxo durante o pleno ordinario de outubro que se tivo lugar esta mañá.
A moción busca, entre outras cousas, ofrecer unha alternativa a todas as persoas maiores que prefiren vivir soas nas súas casas, moitas das cales non son conscientes de que xa non son tan independentes como cren e non son capaces de pedir axuda, ou non saben como reclamala, atopándose de fronte cun sistema burocrático que esixe arranxar moitos papeis e manexa uns prazos de tempo demasiado amplos para dar solucións.