Ourense contará este verán con decenas de actividades para a mocidade do rural
A Deputación de Ourense vén de presentar a súa programación de actividades para o verán, baseadas en campamentos, ludoteca móbil e cine ao aire libre. O director da Área de Cultura, Marcos Vázquez, ofreceu unha rolda de prensa xunto aos responsables das diferentes actividades que, tal e como explicou, perseguen dous obxectivos fundamentais: “achegar actividades aos nenos do rural e tamén achegar o rural aos nenos”.
A primeira das actividades é o “Music Camp”, un campamento baseado na música que se desenvolverá entre o 22 e o 28 de xullo en Muíños, dirixido a un público xuvenil de entre 13 e 18 anos. Fernando Calvo, o seu responsable, explicou que se trata dun complemento moi apreciado para a rapazada que estuda música, xa que o seu obxectivo primordial é tocar en directo e formar bandas que se enfrontarán nunha “batalla” na súa última xornada.
O segundo campamento ofertado pola Deputación é “Explora Ourense”, que tamén se desenvolve en Muíños. O seu responsable, Paulo Vázquez, explica que o seu obxectivo é o contacto coa natureza “e a desconexión das pantallas”. Contará con dúas quendas, do 1 ao 6 de agosto (para rapazada de entre 9 e 11 anos), e do 7 ao 12 de agosto, para nenos e nenas de entre 12 e 14 anos.
A ludoteca móbil ofertada pola Deputación durante os meses de verán contará con inchables e diferentes xogos e actividades de lecer. Haberá dúas modalidades (maxi ou mini) segundo as idades dos nenos e nenas participantes.
Por último, o “Cine de Verán” achegará 5 filmes a un total de 30 localidades da provincia durante os meses de xullo, agosto e parte de setembro Tal e como explicou o seu responsable, Xoán Mariño, os concellos que conten con esta iniciativa poderán escoller a proxección dos seguintes filmes: “+Cuñados”, “Amigos hasta la muerte”, “Valentina”, “Honeymoon” ou “¡Salta!”.