Ourense converterase nun punto de encontro internacional sobre investigación en simulación de enerxía mariña

OurenseXa
O campus recibirá a preto de 70 especialistas procedentes de 17 países na celebración do 8th DualSPHysics Workshop
campus-de-ourense-rrii
21 Jan 2026

Ourense converterase a finais de xaneiro nun punto de encontro internacional para a investigación en computación científica aplicada á enxeñaría e ao medio ambiente coa celebración do 8th DualSPHysics Workshop, que terá lugar no campus universitario do 27 ao 29 de xaneiro. O encontro reunirá a case 70 especialistas procedentes de 17 países para coñecer as últimas novidades do software DualSPHysics.

Este programa de simulación foi desenvolvido polo grupo EPhysLab (Environmental Physics Laboratory) da Universidade de Vigo en colaboración con centros internacionais como a University of Manchester, a Università degli Studi di Parma, a Universitat Politècnica de Catalunya e o New Jersey Institute of Technology.

Desde o seu lanzamento en 2011, DualSPHysics consolidouse como unha ferramenta de referencia na simulación de fenómenos relacionados coa enerxía das ondas e coa interacción da auga con estruturas, superando as 165.000 descargas e sendo utilizado por entidades públicas e privadas de todo o mundo, entre elas a NASA.

O workshop está organizado polo grupo EPhysLab, integrado no Centro de Investigación Mariña da UVigo, e desenvolverase no edificio Politécnico do campus de Ourense. Entre os asistentes haberá persoal investigador de universidades e profesionais de empresas tecnolóxicas vinculadas a ámbitos como a enerxía, a hidráulica, a enxeñaría costeira ou o software científico, procedentes de países de Europa, América, Asia e Oriente Medio.

O programa do encontro inclúe a presentación dos últimos avances no desenvolvemento do código, a exposición de liñas futuras de traballo e o intercambio de experiencias entre investigadores, desenvolvedores e usuarios industriais. Ademais, os participantes poderán dar a coñecer os seus propios proxectos e aplicacións baseadas nesta ferramenta.

Segundo explica José Domínguez, investigador da Universidade de Vigo e responsable do comité organizador, o workshop “sitúa a Ourense como punto de encontro internacional en computación científica avanzada aplicada a problemas de enxeñaría e medio ambiente”, ao tempo que “reforza o papel do grupo EPhysLab e da Universidade de Vigo como referentes internacionais na simulación numérica e na modelización ambiental e mariña”.

DualSPHysics é un software científico de código aberto baseado no método SPH (Smoothed Particle Hydrodynamics), que permite realizar simulacións tridimensionais de fluídos mediante partículas. O seu uso é especialmente relevante en estudos nos que a auga interactúa con estruturas costeiras, portuarias ou flotantes, así como na avaliación de dispositivos de captación de enerxía mariña en condicións extremas. Na actualidade está dispoñible a versión 5.4 do programa, mentres que durante o encontro se presentarán os avances da versión 6.0, que será distribuída en formato beta entre as persoas asistentes antes do seu lanzamento oficial.

⚙ Configurar cookies
0.080976009368896