Ourense despídese do Ouren Sound Fest, que trasládase a Pereiro de Aguiar

OurenseXa
A organización vén de emitir un comunicado para anunciar o novo emprazamento do festival tras os desecontros entre a produtora e o Concello de Ourense
ourensound_2023
Ouren Sound 2023
10 Apr 2024

O Ouren Sound Fest despídese definitivamente de Ourense. A organización do festival vén de emitir un comunicado no que anuncian que a edición de 2024 será trasladada ao Complexo Deportivo de Monterrei, en Pereiro de Aguiar.

Esta decisión chega logo de que o goberno de Jácome anunciase que non colaboraría coa organización.

"Ourense di adeus ao festival máis importante da provincia, o Ouren Sound Fest, xusto cando cumpre 9 anos, sendo un referente no panorama galego e do norte de España. Un evento que crea máis de 250 postos de traballo e cun retorno económico de máis de 700.000 euros. Debido aos desencontros e a falta de entendemento entre o Concello e productora, esta última decide trasladar o evento ao Concello limítrofe de Pereiro de Aguiar, o cal acóllenos  cos brazos abertos e con todas as facilidades para poder levalo a cabo", di o comunicado.

É por iso, continúa a organización, que "nesta novena edición, os concertos de pago realizaran no Complexo Deportivo de Monterrei, e os días gratuitos (xoves e domingo), que facíanse na rúa do Paseo, celebraranse no centro do concello de Pereiro de Aguiar, na Praza da Capilla".

Ademais, lembran que esta edición de 2024 será a máis ambiciosa en canto a artistas e producción, contando no Line Up con grupos como Arde Bogotá, Shinova, Sidonie, Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra.

A distribución do novo recinto será presentada nos vindeiros días. Os organizadores insisten en que a nova ubicación non será un problema para os asistentes, xa que o novo recinto está prácticamente á mesma distancia dende o centro de Ourense que o anterior, en Bemposta. Ademais, aseguran que seguirá habendo conexión co centro da cidade mediante autobuses lanzadeiras e taxis.

Críticas ao Concello por non colaborar co Festival

Dende o PSdeG no Concello de Ourense cuestionanse cal é motivo polo que o alcalde decide non colaborar con este festival pero sí con outro que está a piques de celebrarse en Ourense, o Outopía Festival. E é que o alcalde decidiu destinar entre 30.000 e 40.000 euros do erario público para traer ao artista Juan Magan a Ourense.

“Preguntámonos cal é o criterio para aportar nun caso e non no outro e que artistas da relevancia e traxectoria de Tanxugueiras, Arde Bogotá ou Sidonie queden sen ninguna axuda da Administración local”, expuxo a edil do PSdeG Cristina Cruz. “Nos 9 anos de vida do festival, o Concello de Ourense só aportou 15.000 euros en 2023 para sacar rédito electoral”, critican os socialistas.

Así mesmo, lembran que o Ouren Sound é unha cita que atrae a unhas 10.000 persoas de media durante os días que se celebra e que iso supón un revulsivo importante para a cidade a nivel económico e a hostalería en xeral. “Non estamos a falar só dos e das asistentes, senón tamén dos entre 200 e 250 postos de traballo que xera para unha promotora ourensá”, subliñan.

A aportación de cartos vai a ser nula, mais tamén o será a axuda loxística e de organización ou transporte urbano que conleva a decisión do goberno de Gonzalo Pérez Jácome”, engaden os socialistas, que cualifican como un “erro” máis das políticas de Democracia Orensana en materia cultural.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20773506164551