Ourense e Portugal avanzan na creación dun futuro laboratorio ibérico en ciencias alimentarias

OurenseXa
Trátase do Iberian FoodTec Lab, unha proposta deseñada dende Instituto Politécnico de Bragança e o Campus de Ourense que pretende converterse nun referente transfronteirizo en investigación alimentaria
reunion-uvigo-portugal
20 Feb 2026

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Orlando Rodrigues, presidente do Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), reuníronse esta semana no campus de Ourense cos seus equipos para avanzar na creación do futuro laboratorio ibérico en ciencias alimentarias, o Iberian FoodTec Lab. O obxectivo é levar unha proposta concreta ao seguinte cumio entre os gobernos español e portugués.

“O Instituto Politécnico de Bragança é un parceiro e socio noso desde hai moito tempo en temas de investigación, de doutoramento, etc. e hai tres anos comezamos, tras ser aprobado polos dous gobernos, o portugués e o español, a creación deste laboratorio, con participación prioritaria da Universidade de Vigo-campus de Ourense e o IPB”, explicou Reigosa antes da xuntanza.

O proxecto naceu tras a XXXIII Reunión Luso-Española de 2022, celebrada en Viana do Castelo, onde se acordou a creación do laboratorio. Desde entón, a iniciativa levouse a cabo a través do proxecto europeo Net4Food, actualmente na súa fase final, financiado polo programa POCTEP e fondos Feder dentro do Interreg VI España-Portugal. Ademais da UVigo e do IPB, participan no proxecto o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, o clúster Portugal Foods e os laboratorios colaborativos More e Aqua Valor. Ao longo destes tres anos, traballouse na creación dunha rede de excelencia alimentaria na eurorrexión Galicia-norte de Portugal como base para o futuro laboratorio.

Pola parte da Universidade de Vigo participaron na reunión Manuel Reigosa, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e David Fernández Calviño, director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Por parte do Instituto Politécnico de Bragança estiveron presentes Orlando Rodrigues, José Alberto Pereira, Lillian Barros e Filomena Barreiro, coordinador e vicecoordinadoras do Centro de Investigación de Montaña, e Albino Bento, director executivo do Laboratório Colaborativo More.

O reitor destacou a relevancia do proxecto para ambas institucións académicas, lembrando que “o ránking de Shanghai sitúa a UVigo como a mellor universidade de España e 17 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos”, e que o IPB “ocupa posicións moi similares ás nosas” neste ámbito. Tras tres anos de traballo na consolidación das bases do laboratorio, agora búscase “dar o seguinte paso e tentar levar ao próximo cumio luso-español ou hispano-luso a nosa proposta do que queremos para este laboratorio”.

O Iberian FoodTec Lab pretende converterse nun referente transfronteirizo en investigación alimentaria, integrando innovación, docencia e transferencia tecnolóxica entre Galicia e o norte de Portugal.

⚙ Configurar cookies
0.083444118499756