Ourense festexa o San Martiño con música e reparto gratuíto de castañas no centro da capital

OurenseXa
A cidade celebra este martes o tradicional Magosto na Praza Maior, Bispo Cesáreo e a Alameda
Castañas asadas
11 Nov 2025

Ourense celebra este martes a súa tradicional festa do Magosto con motivo da festividade de San Martiño, patrón da cidade, cun programa de actividades que encherá de ambiente festivo a Praza Maior, a Praza Bispo Cesáreo e a rúa do Progreso (Alameda).

A festa comezará ás 18:00 horas e prolongarase ata a noite, combinando gastronomía tradicional e música para todos os públicos. Nese momento iniciarase o reparto gratuíto de castañas asadas e tamén haberá unha zona na que se ofrecerá chourizo asado con pan de masa nai, viño ou auga por un prezo simbólico de tres euros, ademais doutras propostas gastronómicas como callos e porco asado ao espetón.

A parte musical comezará co concerto de Brañas Folk na Praza Maior, acompañado por Verónica Codesal, Pancho Álvarez, María Jorge e o grupo de gaitas De pé feito, coordinado por Gonzalo Abelairas. Máis tarde, a Orquestra Olympus porá o broche final na rúa do Progreso (Alameda) co seu espectáculo, que promete baile e diversión para pechar a noite de San Martiño.

PROGRAMA COMPLETO DO MAGOSTO DE OURENSE 2025

As celebracións provocarán diversas restricións ao longo do día, que afectarán especialmente á rúa do Progreso, que permanecerá cortada desde as 12:00 horas. O peche afectará o tramo comprendido entre a glorieta de San Rosendo e a baixada á Alameda. Máis tarde, desde as 17:00 horas, prohibirase a circulación na Praza Maior e, media hora despois, ás 17:30, pecharase tamén a rúa Parada Justel.

Durante o corte da rúa do Progreso, os autobuses urbanos modificarán os seus percorridos. Por unha banda, os vehículos con destino ao Xardín do Posío circularán por Xoán XXIII (Abanca), rúa Concello, Bedoya, avenida de Bos Aires, Xoán de Nóvoa, Pardo Bazán e Peña Trevinca. Pola outra, os que se dirixan ao Parque de San Lázaro farano por Xardín do Posío, Alameda, Doutor Fleming, Parada Justel, Progreso (con parada provisional no Inorde), Xoán XXIII e Parque de San Lázaro.

A partir das 17:30 horas, o itinerario modificarase de novo, pasando por Xardín do Posío, Peña Trevinca, avenida da Habana e Parque de San Lázaro. Ademais, co peche da Praza Maior ás 17:00 horas, a liña 15 (Praza Maior–Termas de Outariz) trasladará o seu punto de saída ao Parque de San Lázaro.

⚙ Configurar cookies
0.074303150177002