Ourense foi o escenario da Gala 2025 da Federación Galega de Automobilismo

OurenseXa
Ao longo da cerimonia entregáronse un total de 160 galardóns correspondentes ás distintas disciplinas deste deporte
gala-automobilismo
19 Jan 2026

O Pazo dos Deportes “Paco Paz” acolleu este sábado a Gala 2025 da Federación Galega de Automobilismo, un evento no que se rendeu homenaxe a pilotos, copilotos, escudarías e entidades que contribúen ao desenvolvemento do deporte do motor en Galicia. O acto contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.

Durante a súa intervención, Menor destacou que a gala “non podería ter un mellor escenario ca nosa provincia, onde contamos cunha gran canteira de pilotos e uns fieis afeccionados a este deporte”, subliñando o peso de Ourense no panorama automobilístico galego. A gala serviu para recoñecer o labor de quen fan posible “o prestixio do deporte do motor en Galicia e en Ourense en particular”.

Ao longo da cerimonia entregáronse un total de 160 galardóns correspondentes ás distintas disciplinas do automobilismo, entre elas rallyes, autocross, montaña, karting, rallymix, rallysprint e slalom. Na pasada tempada, a provincia de Ourense foi escenario de sete probas oficiais, entre as que figuran o Rally Comarca do Carballiño, o Rallymix de Barbadás, as subidas a Vilar de Barrio e Taboadela, e os rallysprint de Piñor, Val de Ramirás e Lobios.

De cara a este ano, o presidente provincial confirmou a continuidade destas probas e o regreso ao calendario do Rallye Ourense–Ribeira Sacra, o que reforza a idea de que Ourense é “un referente no mundo motor, así como o escenario idóneo para a súa práctica”.

No marco do apoio da Deputación ao deporte base e federado, Luis Menor lembrou tamén a posta en marcha da “2ª beca motor futuro”, unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo que busca descubrir e impulsar o talento novo da provincia, ofrecéndolle a posibilidade de competir na tempada 2026 no Campionato de Galicia de Rallys.

O presidente pechou a súa intervención felicitando ás persoas premiadas e a todas aquelas que, coa súa dedicación e paixón, contribúen a consolidar Galicia como un referente no ámbito do automobilismo.

⚙ Configurar cookies
0.097345113754272