Ourense inicia a execución do PERTE de dixitalización do ciclo integral da auga coa implantación da telelectura

O Concello de Ourense xa iniciou a execución do PERTE de Dixitalización do Ciclo Integral da Auga, un proxecto estratéxico que permitirá modernizar de maneira profunda a xestión deste recurso esencial mediante a aplicación de tecnoloxía, criterios de sustentabilidade ambiental e a mellora do servizo á cidadanía. As primeiras actuacións xa están en marcha e céntranse na substitución de contadores tradicionais por equipos de telelectura en distintos puntos da cidade.
O proxecto, denominado Ourense termal verde e dixital, foi presentado polo Concello á segunda convocatoria do PERTE impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) e conta con financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O orzamento estimado ascende a 4,5 millóns de euros.
A execución das actuacións está liderada pola UTE formada por Veolia, como responsable da xestión do ciclo integral da auga, e Plexus, como socio tecnolóxico encargado do deseño e da implantación das solucións dixitais, que inclúen plataformas intelixentes, análise avanzada de datos e sistemas de ciberseguridade.
Entre as principais actuacións previstas figura a implantación de sistemas de telelectura coa substitución de máis de 6.500 contadores, especialmente nas zonas do extrarradio, o que permitirá un control continuo do consumo e unha detección máis rápida de incidencias e fugas. Ademais, a rede municipal de abastecemento será sectorizada en 40 sectores independentes, con control permanente de caudais, presións e calidade da auga, co obxectivo de reducir perdas e mellorar a eficiencia operativa.
No ámbito do saneamento, o PERTE contempla a dixitalización dos tanques de tormenta, puntos de vertedura, estacións de bombeo e das sete depuradoras (EDAR). Así mesmo, implantaranse modelos matemáticos avanzados tanto para o abastecemento como para o saneamento, que se integrarán nun centro de control situado na EDAR de Reza, desde o que se poderá supervisar o sistema en tempo real e analizar a súa evolución futura.
O proxecto inclúe tamén actuacións relacionadas coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade, como a instalación dunha planta fotovoltaica na EDAR de Reza, da que xa se executou un 33 %, así como o despregamento dunha rede de estacións meteorolóxicas que permitirá integrar información climática en tempo real para anticipar episodios de seca ou inundacións.
Outra das liñas de actuación é a produción de auga rexenerada para o seu uso en servizos municipais como a limpeza viaria ou o rego de zonas verdes, co fin de reducir consumos. Ademais, porase en marcha unha plataforma dixital de acceso cidadán que ofrecerá información pública en tempo real sobre o estado da rede de abastecemento e saneamento e facilitará a comunicación co servizo municipal.
Desde o Concello de Ourense destacan que “este PERTE supón un paso decisivo para coñecer mellor o funcionamento do sistema da auga, anticiparnos a situacións críticas e ofrecer un servizo máis eficiente, sostible e transparente”.