Ourense logra oito medallas no Campionato Galego de Jiu Jitsu celebrado en Os Remedios

OurenseXa
Ourense gañou cinco das oito categorías da competición absoluta, que se sumaron ás dúas medallas de prata de Miguel Pardavila e Leire Carrera e ao bronce de Rodrigo Álvarez
Campionato Galego de Jiu Jitsu, Ourense
Campionato Galego de Jiu Jitsu, Ourense
24 Feb 2025

Este domingo, 23 de febreiro, o Pavillón Anexo de Os Remedios acolleu o Campionato Galego de Jiu Jitsu masculino e feminino, unha competición na que a provincia presentou máis de un centenar de loitadores en diferentes modalidades e categorías.

O campionato estivo patrocinado polo Consello Municipal de Deportes e organizado polo departamento de Jiu Jitsu e a delegación ourensá da Federación Galega de Judo e Deportes Asociados. Foi a cuarta ocasión consecutiva que se celebrou en Ourense e a organización logrou, unha vez máis, un ambiente festivo e moi deportivo.

Para un mellor desenvolvemento do evento, a organización dividiu o torneo en dúas partes: as competicións de formación e promesas –entre as 10:30 e as 13:00 horas– e a competición absoluta –a partir das 16:30 horas.

No que respecta á competición absoluta, Ourense gañou cinco das oito categorías en disputa. David Rodríguez logrou o ouro en Loita (-56 quilos), Benjamín Junior en Loita (-77) e Yago-Nguyen Rodríguez en Loita (-94), mentres que Guillermo Arenas completou un dobrete en Loita e Ne Waza (-69).
A estas vitorias sumáronse as dúas medallas de prata de Miguel Pardavila (Loita e Ne Waza -69), Leire Carrera (Loita -63) e o bronce de Rodrigo Álvarez (Loita -77).

As categorías en disputa, ademais das xa clásicas de Loita sénior masculina e feminina Absoluta, cadete e júnior, Dúo masculino e feminino e Ne Waza (loita restrinxida ao chan), incluíron, por terceira vez en Ourense, as de formación, que abranguen as categorías Promesas A (nados entre 2019 e 2021), Promesas B (2016 a 2018), C (2013 a 2015) e D (2010 a 2013), todas en modalidade Ne Waza.

Así, o campionato foi a primeira experiencia competitiva para moitos jiujitsukas ourensáns. Para o seleccionador galego e subcampión do mundo Felipe Iglesias, o evento tivo un dobre obxectivo. “Nas categorías de formación, seguir promocionando esta modalidade e que os nenos gocen. E este ano engadimos, ademais de máis participantes ourensáns, novos jiujitsukas doutras partes de Galicia”. Para Iglesias, o evento foi un éxito “de participación e desenvolvemento, cun gran número de nenos en categorías de formación”. No que respecta á categoría absoluta, a convocatoria para o campionato de España “elaborarase coa suma deste torneo máis o traballo realizado durante toda a tempada”.

⚙ Configurar cookies
0.081749200820923