Ourense participa no encontro da Redes de Cidades AVE no seu vixésimo aniversario
A concelleira de Turismo do Concello de Ourense, Noa Rouco, e persoal municipal asistiron esta semana ás actividades organizadas pola Rede de Cidades AVE en Zaragoza, con motivo do 20 aniversario do nacemento desta entidade, que agrupa unha trintena de destinos turísticos españois, entre eles Ourense. Neste marco, a rede organizou un encontro con axencias de viaxes de Barcelona, Madrid e Zaragoza, e operadores turísticos e directivos de RENFE, realizado en colaboración con CEAV, Confederación Española de Axencias De Viaxes, RENFE e Zaragoza Turismo. Tamén se celebrou unha asemblea que fixou as liñas mestras de acción da entidade para os próximos anos, e na que se lle deu a benvida ao novo destino turístico que se incorpora á rede: a cidade de Xixón; e unha reunión técnica de operativa de traballo da entidade.
Nas actividades desenvolvidas constatouse a situación de privilexio en que queda a cidade de Ourense en materia de comunicación ferroviaria, pola súa oferta de servizos e frecuencias, que se incrementará ademais nos próximos meses, o que lle confire un extraordinario potencial.
Coas actividades desenvolvidas en Zaragoza, dáse continuidade ao traballo que desenvolve a rede, cuxa anterior reunión técnica tivera lugar na cidade de Ourense, nun encontro que se desenvolveu no mes de febreiro na Sala Valente.
A Rede de Cidades AVE é unha iniciativa creada no ano 2004 polas cidades e municipios que se conectan por medio de vía férrea utilizando a infraestrutura de Alta Velocidade Española e que contan cunha parada de AVE, coa finalidade de aproveitar as posibilidades que ofrece a conexión de alta velocidade nun país tan turístico como é España. Os seus principais obxectivos son a promoción dos destinos e a creación de sinerxías entre eles para dar un servizo turístico de excelencia. Nacida en 2004 en Zaragoza con 9 destinos, chega na actualidade a 34 logo destes 20 anos de actividade