Ourense participa nos XV Xogos do Eixo Atlántico que reúnen 2.400 deportistas en Portugal

OurenseXa
O campionato desenvolverase ata o día 5 de xullo nas localidades de Vila Nova de Famalicão e Braga
XV Xogos do Eixo Atlántico
1 Xul 2024

A cidade de Ourense participa nos XV Xogos do Eixo Atlántico, que reúnen desde a tarde deste domingo a 2.400 deportistas nas localidades portuguesas de Famalicão e Braga. O alcalde Gonzalo Pérez Jácome e o tenente de alcalde, Aníbal Pereira, achegáronse ao Pavillón dos Remedios para despedir os mozos e as mozas que viaxaron a Portugal para representar a cidade competindo en 10 especialidades diferentes: baloncesto masculino e feminino, fútbol 7 masculino e femenino, atletismo masculino e feminino, natación masculina e feminina, balonmán feminino e voleibol feminino.

O tenente de alcalde e a concelleira de Contratación, Ana Fernández, asistiron tamén á Cerimonia de Apertura do campionato, que se desenvolverá até o día 5 de xullo nas localidades de Vila Nova de Famalicão e Braga.

O campionato, nesta edición número 15, reúne 2.400 participantes procedentes de Galicia e do Norte de Portugal, a que representa a cifra máis alta nos 30 anos de existencia dos xogos.

Desde a súa orixe, en 1995, esta competición é unha das principais bandeiras do Eixo Atlántico e un factor de grande mobilización de mozos deportistas. Realízanse cada 2 anos e constitúen un evento deportivo transfronteirizo único en Europa.

Os Xogos teñen como obxectivo fomentar a participación de toda a cidadanía e a construción da Eurorrexión do Eixo Atlántico que, á súa vez, enmárcase na construción da Europa das cidades e da cidadanía.

0.089429140090942