Ourense podería perder máis de 10 millóns de euros de subvención da Área Rexurbe pola nova RPT
O Grupo Municipal Popular alerta que Ourense pode perder a subvención da Área Rexurbe para rehabilitar o casco histórico e outros barrios da cidade despois de que o alcalde anunciase onte por sorpresa a convocatoria da mesa de negociación para establecer as novas bases da Relación de Postos de Traballo (RPT) o próximo 14 de agosto.
“Un dos requisitos fundamentais da Área Rexurbe para traballar no casco histórico é que exista unha Oficina de Rehabilitación, pero coas novas bases que propón o alcalde dita oficina desaparece e con ela entre 10 e 12 millóns de euros de subvención da Xunta de Galicia”, critica a portavoz Sonia Ogando. “É incrible que ademais de facer a convocatoria nun mes inahábil e propor unhas bases con irregularidades pretenda eliminar tamén a Oficina de Rehabilitación e con ela a Área Rexurbe”, lamenta a concelleira
O Partido Popular fai fincapé na gravidade deste asunto con datos reais e obxectivos. “Se perdemos a Área Rexurbe, non se poderán executar 21 obras con máis de 470 mil euros en Seixalbo e 45 actuacións en 30 edificios no casco histórico por un valor de 2 millóns de euros”, explica a edil. “E por suposto, tampouco se levarán a cabo as 198 actuacións nos barrios de A Carballeira, O Polvorín e As Camelias cunha inversión de 1,5 millóns de euros nin as 19 actuacións en San Mamede, A Inmaculada e Cruceiro Quebrado de 260 mil euros”, engade a popular.
Neste senso, cabe recordar que foi o PP o que impulsou a Área Rexurbe impulsada pola Xunta de Galicia, iniciando en maio de 2022, todos os trámites oportunos e xestionando toda a documentación necesaria. “Non imos permitir que se perda todo ese traballo e unha subvención imprescindible para evitar o abandono do centro e dos barrios”, destaca Sonia Ogando. “Ademais, o noso labor exhaustivo e a nosa forma de facer oposición con seriedade e rigorosidade en cada unha das concellerías fai que hoxe podamos alertar desta situación”.
Por último, a edil lembra que o Grupo Municipal leva meses avisando deste desmantelamento en urbanismo. “Incluso no anterior mandato, tendo as competencias delegadas de urbanismo xa nos opuxemos ao traslado dos funcionarios da oficina primavera á rúa García Mosquera que o alcalde pretendía facer”, conclúe a portavoz.