Ourense premia os mellores escaparates de Nadal do comercio local

O Concello de Ourense celebrou esta mañá a entrega dos premios do concurso de escaparates de Nadal 2025, unha iniciativa organizada xunto con Ecourense e o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Portovello que contou coa participación de 120 establecementos comerciais, de servizos e hostalaría da cidade.
O alcalde Gonzalo Pérez Jácome, acompañado polo xerente de Ecourense, Javier David García, e a directora do CIFP, Sira Coello, destacou a gran implicación do comercio local nesta convocatoria e subliñou o valor do sector para a dinamización da cidade nestas datas. “O comercio local é fundamental, é a vida das cidades. Nós imos seguir apoiando, pero obvia e claramente os heroes sodes vós”, afirmou, desexando aos participantes unha boa campaña de Nadal.
O primeiro premio, dotado con 3.000 euros, recaeu en Mon Petit Salon, centro de estética situado na rúa Ramón Cabanillas, número 1. O segundo premio, cunha dotación de 2.000 euros, foi para a Farmacia Martínez de Paz (rúa Francisco de Moure, 22, O Couto), mentres que o terceiro, cun valor de 1.000 euros, foi para a boutique de moda masculina Jesús (rúa do Paseo, 22). Ademais, Lecer Manualidades, local dedicado a enmarcacións e restauración na rúa Bedoya, 29, recibiu o premio especial ao reciclaxe, tamén dotado con 1.000 euros.
O xurado outorgou sete accésits, con premios de 400 euros cada un, que recaeron en Personal Kitchen (reformas de cociñas), Pepita Burguer Bar, Blumé (boutique multimarca para muller), Natural Optics (óptica e centro auditivo), A Solaina Servizos Inmobiliarios, Milhflor (produtos naturais para a saúde) e o Centro de Día A Ponte.
Esta iniciativa reforza o compromiso do Concello de Ourense coa promoción do comercio local e a animación da cidade durante o Nadal, fomentando a participación cidadá e apoiando os pequenos negocios locais.