Ourense prepárase para a 39ª edición do Día da Bici

A cidade de Ourense acollerá o próximo 21 de setembro a 39.ª edición do Día da Bici, unha cita lúdica e deportiva na que milleiros de ciclistas percorrerán 15 rúas da cidade nun percorrido de 11 quilómetros deseñado para todas as idades. A xornada busca fomentar a práctica da bicicleta e concienciar sobre o respecto aos seus usuarios, ao mesmo tempo que ofrece unha experiencia familiar e divertida.
Durante a presentación, Diego Enrique Álvarez, asesor de Política Deportiva da Deputación, destacou que o Día da Bici deixou de ser só un paseo en bicicleta para converterse nunha auténtica festa familiar. Segundo Álvarez, “O Día da Bici naceu como unha xornada para fomentar o uso da bicicleta, pero neste tempo evolucionou como unha festa familiar e nos últimos anos vén de incidir na concienciación cara o respecto aos usuarios da bicicleta”. Animou aos ourensáns a participar e desfrutar do evento: “O Día da Bici é unha oportunidade para saírse das actividades de ámbito exclusivamente competitivo e reunir ás familias e desfrutar”, explicou, subliñando o carácter inclusivo e lúdico da xornada.
“Cando empezamos co Día da Bici era só paseo en bicicleta e co paso dos anos xa é unha festa tradicional”, destacou o promotor do evento, Carlos Moure, que lembrou que a cita se consolidou como un referente do cicloturismo urbano e familiar.
O percorrido partirá da Alameda ás 12.00 horas, pasando por rúas como Marcelo Macías, Avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Eulogio Gómez Franqueira, Río Arnoia, Avenida de Santiago, Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez e Sáenz Diez, regresando ao punto de saída. A participación é aberta e gratuita, e a inscrición só dá dereito a unha bolsa promocional e ao sorteo de premios.