Ourense recupera o Torneo de Xadrez Aninovo Barrocás tras sete anos

OurenseXa
A 34ª edición do torneo celebrarase do 27 de decembro ao 5 de xaneiro, organizada polo Concello e a Asociación Veciñal Barrocás
torneo-xadrez-ourense-nadal
22 Dec 2025

A cidade de Ourense recupera este ano unha das súas actividades deportivas de Nadal máis emblemáticas coa celebración do Torneo de Xadrez Aninovo Barrocás 2026, que chega á súa edición número 34 tras sete anos sen celebrarse. Esta mañá presentouse o certame no Pavillón dos Remedios, organizado pola Asociación Veciñal Barrocás e o Concello de Ourense, coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Deporte Galego, e varios patrocinadores locais.

O torneo desenvolverase entre o 27 de decembro e o 5 de xaneiro no local da Asociación de Veciños de Barrocás e está aberto a xadrecistas de todas as idades, desde a categoría Sub-8 ata a Sub-18, ademais da categoría Absoluta. Quen estea interesado pode inscribirse ou solicitar máis información no correo escoladexadrezbarrocas@gmail.com.

Na presentación participaron o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, xunto ao presidente da asociación veciñal, Xesús Álvarez, e o secretario Javier Lamas. Os organizadores destacaron a importancia de “recuperar para a cidade un evento que celebrara a súa derradeira edición en 2018”, e agardan superar “a cifra de 150 participantes”, con 32 trofeos en xogo, devolvendo así o torneo á súa posición de referencia.

A programación arrinca o 27 de decembro ás 10:00 horas coa categoría Sub-8. Ás 15:30 comezará a Sub-10 e ás 20:00 as categorías Sub-14, Sub-16, Sub-18 e Absoluta, que se estenderán ata o 5 de xaneiro. O día 28 terá lugar o torneo Sub-12. Os torneos das categorías superiores serán valedeiros para o ranking ELO internacional. Ademais dos trofeos, haberá sorteos con agasallos entre os que destaca un adestramento cun Gran Mestre de xadrez.

⚙ Configurar cookies
0.08636999130249