Ourense rende homenaxe a Alexandre Bóveda no 121 aniversario do seu nacemento

OurenseXa
“A súa figura é un modelo especialmente para quen ostentamos cargos políticos”, asegurou o tenente de alcalde, Aníbal Pereira
O Concello de Ourense rende homenaxe a Alexandre Bóveda
5 Xuño 2024

O Concello de Ourense rendeulle homenaxe esta mañá ao político e intelectual ourensán Alexandre Bóveda, no 121 aniversario do seu nacemento, nun acto institucional fronte á súa casa natal, na rúa da Barreira, no que participaron o tenente de alcalde, Aníbal Pereira, representantes de todos os grupos políticos municipais (DO, PP, PSdeG_PSOE e BNG), e da Deputación Provincial de Ourense

O tenente de alcalde, Aníbal Pereira, salientou na súa intervención a figura de Alexandre Bóveda como “o fillo máis comprometido na honorable loita pola liberdade das ideas e polo que el entendía de xeito vehemente como o mellor para Galicia, o seu progreso e o seu futuro”, destacando a traxectoria dun home ”que centrou a súa curta vida en traballar por Galicia desde todos os ámbitos en que lle foi dado exercer”.

“A súa figura é un modelo especialmente para quen ostentamos cargos políticos”, asegurou o tenente de alcalde, xa que “do seu exemplo despréndese que a vocación de servizo público, desde a perspectiva ideolóxica de cada quen, debe priorizar o interese xeral sobre os espurios intereses persoais e que a loita pola democracia e polos dereitos humanos debe ser constante para que ninguén teña que verse nunca máis na circunstancia de ter que perder a súa dignidade e moito menos a súa vida por causa das súa ideas políticas ou das súas conviccións de calquera índole”.

O acto, con acompañamento da música da agrupación Redegaita, rematou coa tradicional ofrenda floral fronte á escultura que o lembra, obra de Buciños, acompañada do himno galego.

0.1929190158844