Ourense reúne a un centenar de expertos nas V Xornadas do Grupo de traballo de Viticultura
O presidente provincial, Luis Menor, inaugurou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel as V Xornadas do Grupo de traballo de Viticultura da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH), evento de carácter nacional co que colabora activamente a Deputación de Ourense.
Estas xornadas reúnen en Ourense a máis de 100 expertos e técnicos en materia de Viticultura, polo que Luis Menor dixo que “non me cabe dúbida que serán de máximo interese e proveito para un sector que temos como buque insigne das políticas que desenvolvemos desde a Deputación”, xustificando que “a historia desta provincia estivo sempre ligada á viticultura, con máis incidencia en certos territorios que hoxe albergan Denominacións de Orixe”, convidando aos asistentes a “aproveiten este foro desde o punto de vista técnico e divulgativo, pero non deixen tampouco de coñecer todas as xoias que atesouramos nesta provincia”.
Ademáis de Luis Menor, na inauguración oficial destas xornadas que se desenvolverán ata mañá, participaron Martín Alemparte, director de AGACAL; Leonor Ruiz, representante da Sociedade Española Ciencias Hortícolas (SECH); Javier Cancela, profesor titular da USC, e Emilia Díaz, investigadora de AGACAL e representante da EVEGA, que exerceu como condutora do acto.