Ourense converterase en referente estatal do deporte inclusivo co Nacional de Fútbol Sala de Special Olympics Galicia

O Campionato Nacional de Fútbol Sala de Special Olympics Galicia chega ao Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense do 13 ao 16 de novembro. Durante catro días, Ourense converterase en referente estatal do deporte inclusivo, reunindo deportistas con e sen discapacidade intelectual de todo o país.
O evento contará coa participación de 298 deportistas, apoiados por 55 adestradores e acompañados por 55 voluntarios e persoal técnico. En total competirán 17 entidades procedentes de diversas comunidades autónomas, distribuídas en tres niveis de xogo.
Galicia estará representada por once equipos: ASPANANE, Nosa Señora de Chamorro, ASPANAS, ASPNAIS, ASPAS, San Francisco, Fundación ADCOR, Fundación Eu Son, PRODEME, As Burgas e Con Eles. A eles sumaranse sete equipos douttras comunidades: FEAPS La Rioja, La Torreta, Asprodis e Fundación Espurna (Comunidade Valenciana), Plena Inclusión Canarias, ASPRONA Bierzo, e Special Olympics Aragón.
Con esta iniciativa, destaca o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández: “Ourense convértese nun lugar onde o deporte abre portas, une ás persoas e demostra que a inclusión convive coa máxima competición. Este Nacional é unha celebración do talento e do esforzo compartido”.