Ourense será a sede do campionato de España de Atletismo Sub-16 Short Track
A cidade de Ourense volverá ser en 2025 sede dun campionato de España de atletismo. Será esta vez, o da categoría Sub-16 Short Track, que terá lugar os días 15 e 16 de marzo na pista cuberta de Expourense. A Federación Española de Atletismo anunciou este luns a elección de Ourense como sede deste grande evento deportivo.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, expresou a súa satisfacción pola designación da cidade como sede deste evento, que traerá a Ourense un extraordinario espectáculo deportivo, coa participación das grandes promesas do atletismo nacional, ademais de reunir na cidade unha ampla presenza de visitantes, entre deportistas, equipos e familiares dos participantes.
O alcalde quixo poñer en valor que a pista cuberta de Expourense “converteu a cidade nun referente nacional do atletismo en pista cuberta”, lembrando que estas instalacións xa foron escenario durante os últimos anos de diferentes campionatos de España de atletismo, tanto nas categorías absoluta, máster e Sub-20, como neste caso, na Sub-16, que en 2025 acollerá por segunda vez.