Ourense suma un novo punto violeta na sede dee UGT

OurenseXa
Dende a subdelegación do Goberno destacan a ampliación desta rede na provincia, que ten como obxectivo sinalar unha serie de espazos seguros para as vítimas de violencia machista
punto-violeta-ourense-ugt
13 Nov 2025

Ourense suma un novo punto violeta situado na sede de UGT da capital. O espazo foi presentado esta mañá polo O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, que estivo acompañado pola secretaria de Igualdade UGT-Galicia, Trinidad Campo, e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias.

O subdelegado destacou o reforzo da rede de Puntos Violeta para apoiar ás mulleres vítimas de violencia machista na provincia de Ourense, e subliñou que con este novo punto o Goberno dá “un paso máis no despregamento de Puntos Violetas impulsados polo Goberno, consolidando esta iniciativa no ámbito sindical como ferramenta para a prevención, a sensibilización e apoio ás vítimas de violencia de xénero”.

Santos aproveitou a ocasión para facer un chamamento a toda a sociedade para loitar contra a violencia machista, unha lacra que este ano se levou a vida de 36 mulleres en España, segundo os datos da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. “A violencia de xénero é unha realidade que afecta a moitas mulleres día tras día e é necesaria a implicación de tódalas administracións públicas e axentes sociais para erradicala”, subliñou.

A rede de Puntos Violeta medra na provincia de Ourense e xa está instaurada en lugares como o Servizo Estatal de Emprego (SEPE), o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), a Axencia Tributaria (AEAT), o Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar, a Comandancia da Garda Civil, os Paradores de Santo Estevo e Verín e a Subdelegación do Goberno en Ourense.

Na sede de UGT, a Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense impartiu a formación necesaria para poñer en marcha o espazo, facilitando una Guía Punto Violeta para actuar fronte á Violencia Machista, distintivos para identificar ás persoas implicadas, folletos informativos para repartir e carteis e adhesivos cun código QR vinculado a Guía Punto Violeta, que teñen como obxectivo sinalar que ese espazo é un lugar seguro para as vítimas.

O Punto Violeta é un instrumento promovido polo Ministerio de Igualdade para implicar ao conxunto da sociedade na loita contra a violencia machista e estender a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres. Ademais, forma parte do catálogo de medidas urxentes do Plan de Mellora e Modernización impulsado por distintos ministerios do Goberno de España e supón un cambio de enfoque nas políticas públicas de atención ás vítimas, situando a violencia machista como un problema estrutural que require da implicación do conxunto da sociedade para acabar con ela.

⚙ Configurar cookies
0.077140092849731