Ourense vestiuse de loito para despedir o Entroido de 2025

Centos de persoas saíron este mércores ás rúas de Ourense para despedir o Entroido de 2025. Pese á choiva, unha procesión presidida polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e distintos membros da corporación municipal, todos eles vestidos de loito, saíu dende a Praza Maior ata chegar ao Parque de San de Lázaro, onde tivo lugar a tradicional Queima da Sardiña.
A cidade poñía fin así ao Entroido de 2025, un dos máis multitudinarios dos últimos anos. Agora, os ourensáns e ourensás, terán que esperar once meses para revivir a súa semana grande de festas, xa que o Entroido de 2026 caerá a mediados do próximo mes de febreiro.