Paderne de Allariz impulsa a recuperación de terras agrarias co apoio da Consellería de Medio Rural

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reuniuse esta mañá co alcalde de Paderne de Allariz, Manuel Pérez, para analizar o avance dos proxectos de recuperación de terras agrarias neste concello ourensán.
Durante o encontro abordouse a situación do polígono agroforestal de Solbeira, que actualmente está en fase de redacción do proxecto básico. Este espazo abrangue unha superficie de 43,36 hectáreas divididas en 317 parcelas pertencentes a 208 propietarios.
Desde a Xunta destacan o potencial desta iniciativa, que busca reactivar e poñer en produción terras con boas condicións produtivas que se atopan en estado de abandono ou infrautilización, co obxectivo de mellorar a súa rendibilidade e contribuír ao desenvolvemento rural sostible na zona.