Papá Noel e os seus renos chegan a Ourense rodeados de polémica polo uso de animais durante o desfile

Papá Noel chegará esta tarde a Ourense para realizar o seu tradicional desfile polo centro da cidade. O que debería ser unha cita protagonizada exclusivamente polos nenos e nenas da cidade volve estar marcada pola polémica ante a decisión do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de empregar renos na cabalgata.
Desde a Plataforma Defensa Animal denuncian non só os problemas que isto supón para os animais, senón tamén “a mensaxe perigosa que se lle transmite á infancia durante estes actos”, ao normalizar o uso dos animais como meros instrumentos, así como o risco físico que pode supoñer para a súa integridade calquera xesto involuntario dos renos sometidos a un ambiente hostil.
Neste senso, denuncian “que as cabalgatas con animais non son propias do século XXI” e lembran que, no caso dos renos, estes viven en granxas ou recintos en catividade ata que itineran polas festas. Ademais, insisten en que se trata de animais silvestres, cuxa natureza son os hábitats fríos.
“O uso de animais en espectáculos reforza a aberrante postura supremacista humana, fomentando a idea de que é correcto dominar e controlar a outros animais obviando por completo os seus intereses. Ningún animal sente o menor apego a participar nunha aglomeración humana acompañada de ruídos e luces estridentes, unha situación que lles provoca un gran estrés”, explica Rosa Más, bióloga da Plataforma. Ademais, sinala que co uso de animais neste tipo de eventos “non se promove o entendemento entre o ser humano e o animal, senón a súa obediencia e submisión como obxectos ao noso servizo”.
“Neste tipo de actividades, os demais animais senten medo ou resignación, non gozan nin lles supón motivo ningún de diversión. Para xustificar o uso de animais como obxectos de entretemento introdúcense conceptos falaces como o ‘benestar animal’, baseado en cinco ‘liberdades’: libres de fame e sede, medo e angustia, incomodidade física ou térmica, dor e enfermidade, e que poidan expresar o seu comportamento natural, proporcionando auga, alimento, refuxio, atención veterinaria e espazo axeitado”, explica Más.
Por outra banda, desde a plataforma lembran que cada ano, en cabalgatas de diferentes puntos de España, fanse públicas imaxes de incidentes que mesmo poden acabar coa vida dos animais. Tamén fan referencia a imaxes recentes doutras cabalgatas, como as de El Escorial ou Madrid, e cargan duramente contra o uso de animais por mero entretemento.
“O ambiente alleo e hostil que representa calquera espectáculo humano para eles tradúcese en medo, angustia, incomodidade, dor e na imposibilidade absoluta de realizar calquera comportamento natural. Os animais son cosificados, tratados como cromos intercambiables, como mercadorías, sen o menor respecto nin consideración polos seus intereses máis básicos”, argumenta a bióloga, que lembra que a ciencia “xa achegou unha evidencia abafadora sobre as capacidades emocionais e sociais dos demais animais e, aínda máis importante, a ética máis básica, que debería levarnos a empatizar coas demais especies animais como compañeiras de viaxe nesta Terra”.
Por este motivo, piden ao alcalde de Ourense que deixe de xustificar a explotación animal baixo o que a entidade considera “falacias” e destacan a necesidade de educar á infancia en valores a través do antiespecismo.
“Mentres a sociedade vai evolucionando, alcaldes como Jácome seguen nas cavernas escravizando aos animais e vulnerando os dereitos da infancia no que respecta á obriga de promover o respecto e a empatía cara a todas as especies animais, así como de protexer a súa propia integridade física”, explica Diego Nevado, portavoz da Plataforma Defensa Animal, que fai un chamamento á cidadanía para non acudir a este tipo de cabalgatas.