Pechan ao tráfico a rúa Ramón Puga pola execución de traballos urxentes de reparación do pavimento

OurenseXa
O corte afectará ao tramo comprendido entre a rúa Finca da Marquesa e a rotonda de Barrocás desde esta noite e ata que rematen as obras
Policia_Local_Ourense
5 Feb 2026

O Concello de Ourense informa do corte de tráfico nun tramo da rúa Ramón Puga, desde a rúa Finca da Marquesa ata a rotonda de Barrocás, con motivo da execución de traballos urxentes de reparación do pavimento.

O peche á circulación de vehículos farase efectivo desde hoxe, xoves 5 de febreiro, ás 22.00 horas, e manterase ata a finalización das obras. Durante este período non se permitirá o acceso de tráfico rodado á zona afectada.

Co obxectivo de garantir a seguridade viaria e minimizar as afeccións á circulación, a Policía Local estableceu itinerarios alternativos. O tráfico procedente de Barrocás e Rairo desviarase polas rúas Carlos Velo e José Gil, así como pola estrada de Rairo. Pola súa banda, os vehículos que accedan desde o centro da cidade e desde o complexo hospitalario deberán circular pola rúa Serra San Mamede e pola rúa Finca da Marquesa.

Desde a Policía Local solicítase aos condutores extremar a precaución, adaptar a condución ás condicións da vía e respectar en todo momento a sinalización provisional instalada.

O corte de tráfico afectará tamén a varias liñas do servizo de autobuses urbanos, que deberán modificar os seus percorridos habituais. As liñas afectadas son a 1 (Sexto Instituto–Barrocás), a 2 (Covadonga–Barrocás), a 6 (Antiga estación de autobuses–As Curuxeiras), a 8 (Alameda–A Milagrosa–Residencia), a 11 (O Viso–Santa Mariña) e a 13 (Palmés–Universidade Laboral).

⚙ Configurar cookies
0.081837892532349