Peches de tráfico en Ourense este domingo con motivo da Carreira da Muller
A quinta edición da Carreira da Muller requirirá este domingo, 3 de marzo, pechar ao tráfico rodado as rúas polas que transcorre a proba, principalmente no centro histórico e as marxes do río Barbaña, desde as 10.30 horas e até que remate o evento. No caso da Praza Maior, o peche ao tráfico comezará á 9.30h.
As rúas afectadas son: Avenida de Pontevedra, Desengano, As Burgas, acceso á marxe dereita do río Barbaña, Avilés de Taramancos, Pardo de Cela, marxe esquerda do Barbaña, Pura e Dora Vázquez, Vila Valencia, Praza de Abastos, As Burgas, Cervantes, Praza da Ferrería, Pelaio, Saco e Arce, Dous de maio, Hernán Cortés, Praza do Trigo, Cardeal Cisneros, A Unión, Fornos, Praza do Ferro, Santo Domingo, Parque de San Lázaro, Paseo, Lamas Carvajal, para rematar na Praza Maior. Á altura do Parque de San Lázaro, na intersección coa rúa do Paseo e a rúa Curros Enríquez, a circulación rodada discorrerá pola rúa Curros Enríquez, en sentido á Avenida da Habana-saída da cidade.
A Carreira da Muller de Ourense, organizada por Club Runmaniak Box001 Ourense, coa colaboración do Concello, é unha proba non competitiva que pretende fomentar o deporte entre persoas de todas as idades e reivindicar o papel da muller no mundo do deporte, no marco da celebración, o vindeiro día 8 de marzo, do Día Internacional da Muller 2024.