Pereiro de Aguiar aposta polo fútbol sala feminino cun novo equipo base

O Concello de Pereiro de Aguiar continúa reforzando o seu compromiso co deporte base e coa igualdade de oportunidades coa posta en marcha dun novo proxecto no ámbito do fútbol sala feminino. O alcalde, Luis Menor, anunciou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Club Deportivo Pereiro e o Atlético Pereiro para a creación dun equipo base feminino.
O principal obxectivo desta iniciativa é ofrecer ás nenas do municipio unha alternativa deportiva que lles permita continuar a súa formación sen necesidade de desprazarse a outros concellos. Ata o momento, explican dende o Goberno municipal, moitas das xogadoras das escolas deportivas víanse obrigadas a buscar equipos fóra ao avanzar nas súas etapas formativas.
Este novo equipo pretende dar continuidade ao traballo realizado desde a base, facilitando que as deportistas poidan seguir competindo e representando a Pereiro dentro do propio municipio. Ademais, a colaboración entre ambas entidades permitirá optimizar recursos e establecer un itinerario deportivo máis definido, desde as categorías iniciais ata niveis máis esixentes.
A nova sección de fútbol sala feminino comezará a súa preparación de cara á vindeira tempada, consolidando así a aposta do Concello pola promoción do deporte feminino e polo fomento de hábitos saudables a través da actividade física.