Pereiro de Aguiar aproba un orzamento cercano aos 7,5 millóns de euros centrado nos servizos públicos

O Concello de Pereiro de Aguiar vén de aprobar os seus orzamentos anuais, que ascenden a preto de 7,5 millóns de euros, co obxectivo de reforzar os servizos públicos e impulsar o desenvolvemento do municipio. O alcalde, Luis Menor, destacou que estas contas consolidan “unha xestión responsable, eficiente e, sobre todo, centrada nas persoas”.
Entre as principais liñas de actuación recollidas nas contas municipais figura o reforzo dos servizos sociais, coa ampliación da atención a persoas maiores e colectivos vulnerables. O goberno local tamén prevé continuar co plan de mellora de infraestruturas e humanización nas parroquias, co fin de garantir servizos de calidade en todo o termo municipal.
Outro dos eixos será o impulso á conciliación, á mocidade e á actividade cultural e deportiva, así como o apoio ao emprego e ao tecido empresarial local, co obxectivo de favorecer un entorno económico máis dinámico.
Desde o Concello subliñan que estas actuacións responden á intención de “devolver o esforzo dos veciños en forma de servizos públicos excelentes”. Ademais, Menor insiste en que a situación financeira saneada permite acometer investimentos sen comprometer a estabilidade económica da administración local, e salienta que o orzamento “non é só unha cifra”, senón “o motor que nos permite seguir transformando o noso concello nun lugar mellor para vivir”.
Os 7,5 millóns de euros dos orzamentos representan, segundo o goberno municipal, a aposta por un Pereiro en crecemento, que coida a súa contorna e mellora a calidade de vida da veciñanza. “Seguimos traballando, a pé de rúa, escoitando as vosas necesidades e convertendo as vosas demandas en realidades”, concluíu o alcalde.