Pereiro de Aguiar avanza na renovación dos seus locais sociais

O Concello do Pereiro de Aguiar continúa avanzando na mellora dos servizos nas parroquias cun investimento global de 657.000 euros destinado á renovación dos locais sociais ao longo dos últimos seis anos. Así o destacou o alcalde, Luis Menor, quen puxo en valor o apoio da Xunta de Galicia a través do Plan de Acción Comunitaria para desenvolver un proxecto que permitiu actuar en 18 centros veciñais do municipio.
Segundo explicou o rexedor, o obxectivo desta folla de ruta foi “converter cada local social nun espazo moderno, digno e accesible para todos”, unha liña de traballo sostida no tempo que acaba de acadar unha cifra histórica de investimento.
Na fase máis recente, o Concello completou a remodelación e o equipamento de sete locais sociais situados en Cortiñas, Pedraio, Cachamuíña, Boeiros, Urbanización Monterrei, Santa María de Lamela e A Veiga do Abaixo, considerados espazos clave para a vida veciñal.
As actuacións realizadas enmárcanse nun plan de mellora integral que foi máis alá das intervencións estéticas. Entre os traballos executados inclúense medidas de accesibilidade, como a construción de ramplas e a creación de aseos adaptados; melloras estruturais, coa reparación de cubertas, saneamento de fachadas, renovación de pavimentos e a actualización das instalacións de fontanaría e electricidade; así como a dotación de novo equipamento tecnolóxico e audiovisual.
Os locais foron tamén equipados con novo mobiliario e sistemas de climatización, ademais da instalación de cociñas completas e materiais destinados a actividades de lecer e convivencia.
Con estas actuacións, o Concello do Pereiro de Aguiar garante que todos os veciños e veciñas conten con espazos de encontro “de calidade, seguros e funcionais”, segundo subliñou Luis Menor, quen destacou que este proxecto é o resultado de seis anos de xestión continuada orientada ao benestar da comunidade.