Pereiro de Aguiar encara a fase final da rehabilitación da casa de Ben-Cho-Shey

OurenseXa
Segundo as previsións, a casa-museo podería abrir ao público este verán
Casa de Ben Cho Shey en Pereiro de Aguiar
Casa de Ben Cho Shey, Santa Marta de Moreiras, Pereiro de Aguiar
13 Mar 2026

O Concello do Pereiro de Aguiar afronta a fase final das obras de rehabilitación da casa de Ben-Cho-Shey, situada no lugar de Caspiñón, co obxectivo de abrir o inmoble como Casa-Museo durante este verán.

Tras as actuacións iniciais realizadas nunha primeira fase, os traballos céntranse agora na rehabilitación integral do edificio, unha intervención que conta cun orzamento de 220.000 euros.

O proxecto desenvólvese grazas a un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e permitirá converter a antiga vivenda nun espazo dedicado á memoria e á cultura. A futura Casa-Museo terá un dobre obxectivo: por unha banda, render homenaxe aos mestres rurais, poñendo en valor o seu papel na educación e na vida das aldeas; e, pola outra, difundir a obra de Ben-Cho-Shey, destacando especialmente a súa vinculación co municipio e a súa coñecida obra Santa Marta de Moreiras. Monografía dunha parroquia ourensán.

Segundo o Concello, os prazos de execución avanzan segundo o previsto e espérase que as obras conclúan este mesmo verán, momento no que se presentará e abrirá ao público a exposición museística deseñada para promover e dar a coñecer a figura deste referente cultural.

0.11977291107178