Piden a convocatoria do Consello Muncipal da Igualdade para abordar o programa do 25N en Ourense
A pouco máis dun mes para conmemorar o 25N (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller), as edís do grupo municipal socialista instaron ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome a que se convoque o Consello Municipal de Igualdade co fin de comezar a traballar na programación de actividades para esa data e que todas as formacións políticas poidan aportar ideas. “Este órgano leva sen reunirse dende o mes de febreiro”, lembra Cristina Cruz.
“Non parece que ao goberno de Democracia Orensana lle importe moito a Igualdade cando sempre deixa para último momento todo o que ten que ver coa materia, algo que tamén aconteceu coas demandas que dende a oposición fixemos para que se eliminase o gas radón do inmoble que antes era sede do CIMM (Centro de Información Municipal á Muller)”, engade María Fernández sobre un asunto ao que non se deu resposta.
“Trátase dun problema que debería ser prioritario porque moitas das mulleres que acoden ao CIMM precisan asesoramento moi específico por parte de persoal cualificado e que se leve a cabo nunhas instalacións adecuadas para elo, que garantan a confidencialidade e seguridade das usuarias”, recorda Fernández.
Tamén reclaman, logo das Xuntas de Área que tiveron lugar esta semana, a convocatoria do CMI para que o executivo local dea explicacións e información sobre en que punto se atopa o proxecto de rueiro feminino, respaldado por todos os partidos políticos, que semella estar paralizado, tal e como expón Cruz. “Entendemos que o Consello Municipal de Igualdade é o lugar onde todas e todos podemos traballar conxuntamente a prol das mulleres”, remata.