Piden a Jácome que recupere a Concellería de Xuventude

OurenseXa
“Necesitamos un investimento real en programación cultural e actividades que fomenten o crecemento persoal e social da xuventude", reclaman os socialistas
Concello de Ourense
Concello de Ourense
21 Out 2024

Os socialistas denuncian que o “goberno de Gonzalo Pérez Jácome decidiu traspasar máis de 60.000 euros públicos da extinta Concellería de Xuventude para destinalo a Artes e Festexos”. Concretamente, explican, o diñeiro pertencía ás partidas destinadas ao Espazo Lusquiños e a súa programación para a mocidade e xuventude, así como para os programas de voluntariado. “Non é máis que unha forma de parasitar o erario público para que o alcalde poida xogar a ser ‘influencer’ nas festas da cidade”, afirma a edil do PSdeG no Concello de Ourense Alba Iglesias.

“Non podemos permitir que a cultura e a mocidade sexan sacrificadas no altar de decisións erróneas”, defende a socialista e secretaria xeral de XX.SS. á vez que subliña a opacidade no que atinxe aos fondos públicos e a ausencia de rendición de contas coa que actúa o executivo local. “Isto é un signo claro de que algo non marcha ben”, engade.

As e os socialistas reclaman máis transparencia e un investimento para o futuro de Ourense no que a mocidade reciba máis que “promesas baleiras” e un xeito de proceder que prima intereses particulares e “alleos” ao seu desenvolvemento e benestar.

“Necesitamos un investimento real en programación cultural e actividades, que fomenten o crecemento persoal e social da xuventude, en lugar de malabarismos cos cartos de todos e todas que só perpetúan o ciclo de abandono. Instamos ao goberno municipal a rectificar e recuperar a Concellería de Xuventude e Voluntariado para o que é e non como o peto máxico de onde sacar os cartos”, remata.

0.19154906272888